Entregados os premios do Certame literario Mariña Folgueira

O centro sociocultural Mariña Folguira de Reigosa acolleu a entrega de premios do último certame literario convocado por esta asociación. O alcalde, Primitivo Iglesias, presidiu o acto no que se festexaba o éxito do V Concurso de Redacción Xornalística Mariña Folgueira

Na categoría de Primeiro Ciclo de Secundaria venceu David San Emeterio, do IES San Xillao de Lugo. Na categoría de Segundo Ciclo de Primaria a gañadora foi Carla Díaz Marcos, estudante de terceiro de Primaria do CEIP Álvaro Cunqueiro Mora. No Terceiro Ciclo a merecedora do premio foi Alma Blanco Cortés, estudante de sexto de Primaria do CEIP Rosalía de Castro de Lugo.

Amais de David, en Secundaria, Fernando Vilabrille, do IES Fontem Albei da Fonsagrada impúxose no segundo ciclo.

Formaron parte do xurado avaliador do concurso profesionais recoñecidos do sector da comunicación e da docencia, todos eles amigos de Mariña Folgueira, veciña de Reigosa homenaxeada neste acto. Os xornalistas Xosé María G. Palmeiro, Xosé Soengas e Ernesto Sánchez Pombo xunto cos profesores Bernardo Penabade e Baldomero Iglesias foron os encargados de seleccionar os catro nomes de entre o cento de traballos presentados.

Todos os nenos premiados levaron como recoñecemento un diploma, un lote de libros e unha tablet. O centro do alumno máis votado, neste caso o IES Sanxillao de Lugo, tamén recibiu a escultura Peiteando o porvir do lucense Luís Loureira, unha peza de madeira de nogueira e ferro esmaltado e pintado.

Os membros do xurado recibiron tamén como agasallo o novo libro publicado polo Concello sobre o termo municipal e que está a ter un gran éxito.

Etiquetas