Vilalba arrinca mañá as súas patronais con tres días de xira

Como non podía ser doutro xeito, Vilalba prepárase para gozar durante os próximos días da súa cita anual máis desexada, que non é outra que as súas festas patronais que se celebran, como no podía ser doutro xeito, na honra a San Ramón e Santa María. A peculiaridade principal deste ano é que a festa terá máis duración que noutras edicións xa que se alongará ata o día 8. Por tradición a feira de primeiros de setembro entra sempre na programación, pero como este ano coincide o día 1 domingo, foi trasladada ao 8, así que a programación tivo que facerse máis extensa.

Así mesmo, Concello e comisión de festas traballaron novamente arreo para preparar un programa festivo no que haxa diversión para todos os gustos e para todos os públicos. O reparto de funcións foi claro. A comisión organizadora, que está formada un ano máis por Charo Carreira e Manuel Prado, encargouse da parte principal deste celebración, entre a que figuran as orquestras e as distintas actividades mentres que o Concello organiza, como sempre a cerimonia de apertura da festa, así como a de entrega do Premio de Literatura. Tamén, este ano preparou unha serie de actividades culturais dirixidas principalmente aos máis pequenos.

Ditas actividades están repartidas dentro da programación xeral para que os máis pequenos poidan desfrutar delas tamén nestas datas de asueto antes da dar comezo á tempada escolar. O apartado relixioso coas procesións centrarse nos días 31 de agosto, Día de San Ramón, e 1 de setembro, loubando a Santa María.

XIRA

Un ano máis a xira servirá de comezo ás festas de San Ramón e Santa María con tres días de festa rachada. Unha destas é a xira campestre, que reúne cada ano a miles e miles de persoas no recinto do río Madalena para comer, bailar e gozar durante dous días, e tamén a xira campestre da Terceira Idade, que leva máis de dúas décadas congregando a maiores de Galicia e do norte da península.

A xira campestre dos novos comezará o 24 coa sesión vermú a cargo das orquestras Fin de Siglo e Brujas, e pola tarde a Charanga de Vilalba porá a nota musical para o desfrute da xente.

Entre as dúas actuacións musicais do día haberá tempo para o deporte, e así, a media tarde, dará comezo o partido de terceira división do Racing Vilalbés e o CD As Pontes, no estadio municipal da Madalena. Previamente, ás 17.00 horas, haberá unha mostra interactiva de xogos tradicionais a cargo de Xotramu.

Xa pola noite, haberá unha gran verbena coas orquestras que tocaron durante a sesión vermú.

Trala festa do sábado, o domingo espérase máis relaxado e tan só haberá música en sesión vermú, oque prolongarase ata media tarde coa orquestra Noche de Estrellas.

A xira campestre da terceira idade celebrarase o mércores 21 de agosto na Área Recreativa da Madalena.

Nesta festa dos maiores, a xornada comezará cunha misa campestre cantada pola coral Vilalbesa Luar. Acto seguido será a sesión vermú amenizada polo Dúo Eclipse.
Ao mediodía haberá un xantar de confraternidade na carpa situada na praia fluvial da Madalena, para despois dar comezo ao gran baile amenizado de novo polo Dúo Eclipse e o Grupo Acirema antes do remate dos actos sobre a tardiña.

Para a venda de tarxetas pódese acudir á Casa da Cultura de Vilalba e mercalas por anticipado ou reservalas por email en concelleiros@vilalba.es ou no teléfono 676 507 692.
O recinto da xira dispoñerá de postos de venda de racións de churrasco, paella e xamón cocido entre outros.
Dende o Concello lembran á xente que veña provista da tarxeta da Seguridade Social.

PREGÓN E PREMIO LITERARIO

O día 30 de agosto comunicarase oficialmente o gañador ou gañadora do XLV Certame Literario máis destacado da comarca, aínda que o xurado fará público o seu fallo xa o día 20 de agosto trala deliberación.  Será xusto antes da lectura do pregón, que este ano estará a cargo do investigador médico vilalbés Alberto García Basteiro.

Este acto, de gran trascendencia para a vila porque abre oficialmente as festas de San Ramón e Santa María, comezará na Casa da Cultura e contará coa presencia das autoridades municipais e culturais, e ademais servirá como acto de presentación das raíñas, rei e representantes das festas.

Será o momento no que se presentará a obra editada gañadora do premio do ano pasado, Cartafol de miraxes. A continuación, a comitiva trasladarase ao Auditorio municipal Carmen Estévez no cal está previsto unha actuación da Banda de Música de Vilalba, onde, acto seguido se celebrará o acto de clausura do XLV Premio de Poesía do Certame Literario do Concello de Vilalba e despois chegará a quenda da lectura do pregón.

Alberto García Basteiro será o mantedor e o encargado de liderar o acto central das festas. Este vilalbés é o coordinador da área de investigación en tuberculose no Centro de Investigaçao em Saúde de Manhiça (CSIM), en Mozambique, e profesor asistente de investigación no Instituto de Salud Global de Barcelona (ISGlobal). Estudou no CEIP Manuel Mato Vizoso, cursando ata 3º de BUP no IES Basanta Silva.

Realizou o Bacharelato Internacional nos Estados Unidos cunha beca da Fundación Barrié de la Maza para estudar en Colegios del Mundo Unido. Ademais, tamén cursou estudos de música, en concreto piano, no conservatorio de Vilalba ao longo de 8 anos.

Licenciado en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela, realizou a especialidade de medicina preventiva e saúde pública no Hospital Clínic de Barcelona (premio fin de residencia Emili Letang) e un mestrado en Epidemioloxía na London School of Hygiene and Tropical Medicine, no Reino Unido. Completou os seus estudos de doutorado no Amsterdam Institute for Global Health and Development en Holanda, a través do programa Transglobal Health Solutions, ­financiado pola Unión Europea. Desde xuño de 2012 está vinculado á ISGlobal, exercendo como profesor de epidemioloxía no Mestrado de Saúde Global da Universidade de Barcelona.

Participou en diferentes proxectos de investigación en enfermidades relacionadas coa pobreza en Centroamérica e África principalmente. Na actualidade coordina varios estudos de epidemioloxía, avaliacións de novas ferramentas diagnósticas e ensaios clínicos de fármacos na área de tuberculose do CSIM.

PROGRAMA INFANTIL

O Concello, que agora dirixen os socialistas, apostou polos cambios e tamén por introducir, como complemento ás actividades previstas pola comisión de festas, un programa engadido de contido cultural.

Así, durante as dúas semanas de festas (entre o 26 e o 5) haberá polas tardes un espectáculo para todos os públicos. Para poder chegar a todos, deseñouse un programa que combina, maxia, teatro, música e animación.

Para este programa buscáronse os grupos e actuacións infantís máis representativas do panorama actual. As actuacións comezarán cun concerto do grupo Uxía Lambona e A Banda Molona, que será o propio luns 26. O mércores continuarán con Os Fabulosos Cleaners, un espectáculo con pompas de xabón que fai as delicias de pequenos e grandes.

Xa a seguinte semana terá lugar, o martes, un espectáculo do Mago Romarís para continuar ao día seguinte co El Mundo Suena, un concerto didáctico do grupo Arcos Iris. Finalizarán o xoves 5 co espectáculo de animación do grupo Tanxaina coa súa obra A Galiña Azul.

Toda esta programación será de balde aínda que a que se desenvolva no Auditorio Carmen Estévez terá a entrada numerada e os interesados en asistir poden recoller a súa na Casa da Cultura ou en Ataquilla. O concerto da primeira xornada será na praza de Santa María e a maxia na praza da Constitución.

Ademais de toda esta actividade, a comisión dos festexos reservou o día 27 para celebrar o tradicional Día Infantil, no que colchonetas e inchables estarán durante toda a tarde nas prazas da Constitución e Santa María para o goce dos pequenos. Haberá xogos para todos e moitas sorpresas.

Tamén, os días 26, 27 e 28, 3, 4 e 5 haberá obradoiros de todo tipo ás 11.30 horas que se celebrarán na praza da Constitución e nos que se poderá participar tamén libremente.

DÍA DA BICICLETA

Un ano máis organizarase a Festa da Bicicleta, unha das celebracións de máis tradición dentro das Festas de San Ramón e Santa María xa que este ano festexa a edición número XXVI. Este encontro de bicis será o xoves 29 de agosto a partir das sete e media da tarde. Como nas edicións anteriores estará aberto a todos os vehículos de rodas que requiran do empuxe humán, como patíns, monopatíns, coches de nenos, etc. A iniciativa dos vilalbeses non ten parada con esta cita e non faltan nesta proba os andadores, triciclos e demais, porque o importante é participar e facer unha loubanza tamén polo deporte.

A saída situarase na praza da Constitución dende onde se concentran os e as participantes ata dar saída á altura do bar Casablanca, continuando pola rúa da Pravia, praza Suso Gayoso, avenida de Galicia, rúa Cidade de Lugo, capela da Guadalupe, rúa do Xamón, travesía Campo da Feira, cruzar á avenida Terra Chá enlazando coa rúa de Muras, Campo da Ponte, rúa da Pravia novamente e chegada de novo á praza da Constitución.

Trátase dun percorrido apto para todas as idades, chan, para facilitar a participación a todas as resistencias físicas, e aberto como sempre a todas as idades e variables que non impliquen motor.

Destaca coma sempre o seu carácter non competitivo, porque o importante é participar e sumarse a unha actividade que todos os anos reúne a máis de dúas mil persoas.
Ata dúas horas antes do seu inicio aceptaranse inscricións no Centro da Xuventude ou a través do teléfono 982 828 340 en horario de seis a nove da tarde porque para poder optar aos agasallos que se sortean hai que estar inscrito, algo que non ten ningún tipo de custe.

Os agasallos que se sortearán este ano son unha bicicleta, unha televisión Hitachi de 32 pulgadas, unha tablet, un par de patíns, dúas mochilas, un casco de ciclista, dous queixos de San Simón da Costa e dous roscóns de Vilalba.

Coma sempre haberá trofeos especiais para o participante de maior idade e ao de menor idade portado. Este concurso sempre causa atracción e cada ano aparece un concursante máis novo.

PROGRAMA MUSICAL

Non hai festa sen música. Esa é a máxima de todos os seguidores das celebracións patronais, por iso escoller as mellores orquestras ou grupos para amenizar as sesións vermús e as verbenas, convírtese nun reto para as comisións de festas. Nesta ocasión, a comisión foi a encargada de preparar un programa festivo de calidade coas mellores orquestras do panorama actual.

Nesta ocasión as festas darán comezo o día 21 de agosto e rematarán o 8 de setembro. As celebracións arrincarán coa tradición xira da terceira idade, que contará coa animación musical do dúo Eclipse e Acirema. A dos mozos terá a súa continuidade o sábado e domingo 24 e 25 coa actuación de Fin de Siglo e Brujas o primeiro día e Noche de Estrellas o segundo.

Haberá que esperar ata o 29 de agosto, xoves, o día escollido para festexar o Día da Bicicleta, para contar cunha nova actuación, nesta ocasión dun grupo local, Sintonía de Sancovade.

O 30 de agosto será o día adicado á Cultura coa entrega do premio do XLIV Certame Literario. Neste día tan sinalado, o apartado musical estará protagonizado por París de Noia e dúo Estrellas. O día grande será o 31 de agosto, sábado, xornada dedicada a San Ramón, que contará coas orquestras Marbella e La OcaBand. Completa a fin de semana o día para Santa María, no que destaca a actuación de Los Satélites e Miramar.

O xoves 5 a comisión ten reservada unha das actuacións estrela da programación, El Combo Dominicano, que estará acompañado por Claxxon. Dous pratos fortes para un xoves musical. O sábado 7 vivirase unha xornada especial, unha festa dos anos 90 e 2000 na que destaca a aportación musical a cargo da orquestra Principal así como os dj’s Zalo, Marcos Peón e Frisco, os tres de procedencia vilalbesa. Rematarán as celebracións o domingo 8 coa feira e a atuación de dúas grandes orquestras, Pontevedra e New York.

O Concello tamén quixo aportar o seu grao de area para cubrir unha programación festiva tan extensa e programou para o venres 6 a actuación de Xabier Díaz e As Adufeiras de Salitre. Será na praza de Santa María a partir das 22.30. O obxectivo deste concerto é axudar á comisión a cubrir un programa moi extenso e ao mesmo tempo ofrecer un tipo de música diferente.

PROGRAMA DEPORTIVO

O deporte cobra tamén o seu protagonismo durante as festas de San Ramón e Santa María. Son moitas as diciplinas que aproveitan a ocasión para celebrar os seus torneos que serven como quencemento da nova temporada, que arrincará no mes de setembro para a maioría deles. Un dos tradicionais torneos é o de tenis, que nesta ocasión foi na memoria de Juan José Pereira Vázquez, anterior mandatario da entidade falecido este ano. Esta competición xa se desenvolveu ata o pasado sábado e nela destacou coma sempre a súa elevada participación en todas as categorías dende alevín a absoluta. Tamén o sábado rematou o torneo de pádel San Ramón, que deu comezo o pasado día 12 nas instalacións do Indoor Vilalba.

Será tempo de fútbol o sábado 24, no que se desenvolverá un partido de fútbol na categoría de Terceira División no estadio da Madalena entre o Rácing Vilalbés e o CD As Pontes, dous conxuntos veciños que sen enfrontarán durante toda a tempada na categoría tralo ascenso dos ponteses en maio do ano pasado. Ao sábado seguinte haberá outra cita destacada, concretamente o Memorial Jorge Tato, que chega á súa cuarta edición e que enfrontará a outros dous clásicos da categoría xuvenil, o Vilalbés e o Rácing de Ferrol de Liga Nacional Xuvenil, que xogarán no estadio Roca.

Así mesmo, no capítulo deportivo, destaca tamén na programación a habitual cita co xadrez coa celebración da XXVI edición das Simultáneas, que se desenvolverán o martes 27 a partir das 18.00 horas na praza da Constitución. Ambas as dúas citas teñen unha gran tradición no programa festivo vilalbés.

Un ano máis o Galibudo, a convención de practicantes de artes marciais, volverá a Vilalba o 6, 7 e 8 de setembro e este ano acadará a súa XVIII edición, coincidindo cos últimos días das festas.

Esta convención está organizada pola Escola de Taekwondo Moo Duk Kwan no pavillón de Vilalba o sábado 7, aínda que o venres xa haberá reunións dos membros dos clubs participantes que celebrará unha cea no hostal Terra Chá con recepción a todos os asistentes.

Os maestros titulares do Galibudo 2019 son José Luis de Antonio Herrera que é cinturón branco-vermello 6º DAN de Judo, 8º Dan de Jiu-Jitsu e membro da Dai Nippón Butoku; Luis Agrelo ten o 7º DAN na arte do Judo e o 2º DAN de Ju-Jutsu; e Enrique Fernandez é cinturón negro 8º DAN de taekwondo.

O sábado, a competición iniciarase ás 10.00 horas coa presentación o primeiro día da convención dos mestres e o quecemento.

Ás 10.15 iniciaranse as primeiras clases cos mestres ata as 14.00 horas, cando se celebrará un lunch no propio pavillón. Pola tarde, haberá clase multidisciplinar a cargo de antigos mestres titulares en Galibudo deixando para as 21:00 horas a cea de clausura, no Parador de Vilalba, na que se fará entrega dos galardóns Galibudo, certificados e distincións CI AAM e Wolrd Moo Duk Kwan. Haberá, como é tradición, presentación dos cabaleiros e damas da Orden Marcial de la Queimada e Ceremonia do fogo.
O domingo pola mañá haberá visitas turísticas concertadas.

FIN DE FESTA

O 8 de setembro, as festas de San Ramón e Santa María dedican o seu último día de celebración á feira e tamén ao Día das Parroquias. Este día intitucionalizouse hai uns anos e consiste en adicarlle cada ano a xornada a unha parroquia diferente do Concello seguindo un orde alfabético.

Este ano a parroquia afortunada é Mourence que ten deseñado o seu propio programa festivo que dará comezo ás 10.30 horas cun pasarrúas a cargo de Buxos Verdes e Entre Lusco e Fusco. Sobre as 12.00 terá lugar na igrexa de Santa María unha misa solemne e unha ofrenda. A continuación haberá procesión, presidida polas raíñas das festas, as autoridades e os veciños de Mourence. Non faltará a sesión vermú a cargo da orquestra Pontevedra, que se encargará tamén da verbena fin de festa xunto a New York. Sen dúbida será un gran colofón para estas festas que sempre queren lembrar que estas celebracións de Vilalba son tanto da vila como de todas as parroquias

COLABORACIÓN

Para poder chegar a ter unhas festas desta entidade foi necesario un gran esforzo económico, para chegar aos máis de 160.000 euros que se investirán este ano e dos que o Concello pon a metade.

Por iso é necesario facer unha recadación auxiliar que lles permita á comisión manter o nivel das orquestras que xa comezaron o ano pasado.

Unha das principais medidas recadatorias é a venda do libro das festas, a 15 euros, e que ten ademais do programa unha serie de aportacións de diferentes entidades e personaxes. Complementarase isto coa venda de rifas, a un prezo de dez euros e que teñen como premio 2.000 puntos e 1.000 puntos. Non faltará tampouco
a venda de panos e unha novidade, este ano venderanse tamén lanternas frontais máis dirixidas ao público da xira pero que poden utilizarse durante todas as festas.

Finalmente, a comisión de festas lembra a todos os veciños e veciñas o uso do traxe rexional.

NOTA: Este ano non actuará a orquestra Panorama en Vilalba durante as festas. Houbo un erro nun pé de foto da edición en papel que dá a entender o contrario.

Etiquetas