O Concello de Guitiriz detecta novos problemas no subministro de auga

A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, chamou á calma aos veciños e veciñas do municipio xa que algúns nos últimos días puxéronse en contacto co Concello debido a que nas súas casas a auga saía dunha cor amarelada.

Marisol Morandeira explicou que este episodio débese a un exceso de ferro presente na auga de forma natural e que, ao clorarse, ocasiona que adopte esta coloración. O ano pasado xa ocorreu un episodio similar e para solucionalo instaláronse unha serie de filtros específicos co obxectivo de reducir a cantidade de ferro presente.

Agora, detectado novamente o problema, o Concello púxose en contacto coa empresa encargada da instalación dos filtros, Aqua System, que acudirá canto antes a Guitiriz para revisar que todo está ben e solucionar calquera defecto nos citados filtros.

A alcaldesa lembrou aos veciños e veciñas que a auga “non é prexudicial para a saúde xa que as análises realizadas diariamente son todos correctos e os niveis de ferro están dentro dos límites normais”. De todos os xeitos, os veciños que detecten calquera anomalía no servizo de auga poden comunicala ao Concello para que quede constancia.

Etiquetas