Tomé ratifica o compromiso de construír as 18 residencias proxectadas

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, desmontou no Pleno “os inventos da voceira provincial do PP, Elena Candia, sobre as residencias, desactivando deste xeito a súa tentativa de enganar aos concellos e á veciñanza sobre o futuro e viabilidade da rede provincial de centros públicos de atención a maiores”. Neste senso, Tomé subliñou que mesmo “algún alcalde do Partido Popular, como o de Pantón, con declaracións públicas nas que se mostrou convencido de que a residencia prevista no seu concello será unha realidade, desacreditou o intento de manipulación” da voceira popular.

“En democracia e dentro da Lei, cada un pode facer o que queira, pero en política non vale todo. Hai que ter algo de pouso, e non tomar decisións froito da impaciencia ou a desesperación, que son malas conselleiras. Así que, tranquilícese e sexa útil aos veciños da provincia de Lugo. Faga unha oposición construtiva, dende a crítica lexítima á acción do Goberno, pero non invente historias que desprestixian á política e ás institucións”, subliñou o presidente.

“Polo que vexo”, engadiu, “vostede é unha política que lle gusta xogar no terreo embarrado, pero a min non, a min gústame o xogo limpo e de calidade. Mire, isto cambiou, mudou a película que se estaba proxectando nesta casa, e vostede xa non é a actriz principal, agora hai outros actores que só teñen interese en traballar para os lucenses e para o prestixio desta institución”. “É probable que a vostede lle conveña politicamente que esta casa non teña tranquilidade, normalidade e prestixio, pero eu vou facer todo o posible para que esta institución represente o papel institucional que lle corresponde, dende o rigor e o respecto”, recalcou.

O presidente da Deputación cuestionou así mesmo que a voceira do PP non respectase o tempo de cortesía de 100 días de mandato solicitando só 22 días despois de que tomase posesión un Pleno extraordinario “sen que tivera acontecido nada extraordinario. Simplemente empezamos a poñer en marcha o noso acordo de goberno, que xa non está mal”.

No Pleno, o Executivo provincial ratificou de novo a folla de ruta “clara, transparente e firme” que trazou ao abeiro do pacto de Goberno de PSdeG e BNG para este mandato e demostrou que todas as premisas que usou a voceira popular para solicitar un Pleno sobre as residencias son “intencionadamente erróneas”.

18 compromisos, 18 residencias

O Goberno ratificou os seguintes puntos:

  • PRIMEIRO: A Deputación cumprirá todos e cada un dos compromisos adquiridos cos Concellos en materia de construción e posta en marcha das residencias, que suman 18. A día de hoxe están abertos tres centros –os de Trabada, Ribadeo e Pol- e os restantes proxectos comprometidos son os seguintes: A Fonsagrada, A Pontenova, Becerreá, Castroverde, Cervantes, O Courel, Guitiriz, Meira, Navia de Suarna, Ourol, Pantón, Pedrafita do Cebreiro, A Pobra do Brollón, Portomarín e Ribas de Sil.
  • SEGUNDO: A Deputación seguirá adiante con estes compromisos, pero non adquirirá ningún máis porque, como sempre defendeu, mesmo dende que comezou a proxectar a rede pública de residencias, a responsabilidade de impulsar este servizo é da Xunta de Galicia.
  • TERCEIRO: Co diálogo e a lealdade institucionais como ferramentas, a Deputación seguirá traballando co obxectivo de que a Xunta asuma a súa responsabilidade nesta materia. Neste senso, o Presidente defendeu “a colaboración institucional, sen deixar de esixir a responsabilidade que ten cada quen”. Así, lembrou que no Estatuto de Autonomía de Galicia, “a nosa Constitución”, atribúese á Xunta de Galicia a competencia exclusiva en materia de asistencia social, polo que, o que lle dixemos é que se aplique o conto e que cumpra co Estatuto porque as competencias están para exercelas”.

Ademais de ratificar esta folla de ruta, o Goberno evidenciou o plantexamento falso co que Elena Candia pediu o pleno sobre os centros de atención a maiores, pois “é falso que o Goberno decidise romper cos acordos que a propia Deputación asinou cos Concellos en materia de residencias, e é falso que identificamos o servizo das residencias como insostible”. “Nunca ningún membro deste Goberno fixo semellante afirmación”, afirmou a voceira socialista, retando á popular a amosar “onde dixemos tal cousa”, algo que foi incapaz de facer.

Pilar García Portou cualificou por outra banda de “cinismo” que Elena Candia “se atreva a dicir agora que as residencias son irrenunciables, cando o Partido Popular dende a Xunta de Galicia sempre lle dixo non a este proxecto, pois, textualmente, asegurou que estes equipamentos públicos non eran nin necesarios, nin prioritarios na provincia de Lugo, a máis envellecida de Galicia xunto a Ourense; negouse reiteradamente a ofrecer prazas concertadas nestas instalacións e puxo todos os impedimentos posibles na tramitación de permisos”. “Se as residencias son irrenunciables, xa sabe o que ten que facer: poñerse ao carón do Goberno da Deputación, ao carón dos veciños e veciñas da provincia, e esixirlle á Xunta que asuma as súas responsabilidades”, aseverou a voceira provincial do PSdeG.
Con respecto ás manifestacións nas que a voceira do grupo provincial do PP acusou ao Presidente de dar “un golpe de Estado”, José Tomé pediulle que retire “ese exabrupto impropio polo mesmo método que fixo as declaracións, lembrándolle que foi elixido “de xeito democrático por unanimidade das compañeiras e dos compañeiros, conforme á Lei, na sede xudicial da Xunta Electoral de Zona, supoño que igual que vostede”, e posteriormente “foi elixido tamén democraticamente nun acto público nesta mesma sala de sesións”.

PARTIDO POPULAR

A voceira do Grupo Provincial do PP, Elena Candia, considera que o Pleno Extraordinario serviu para que o presidente rectificase no seu plantexamento sobre as residencias. “A súa decisión coñecíamola todos, pero viuse na obriga de rectificar para frear a inseguridade que xerou coas súas declaracións sobre a viabilidade e futuro dos centros construídos e dos que están proxectados”, afirma. Por este motivo, lamenta que o socialista, “para xustificar as súas declaracións sobre este asunto e a súa entrada na Deputación”, intentase culpabilizar aos medios de comunicación das mesmas.

Esta rectificación, tan só 20 días despois das afirmacións do socialista, prodúcese no marco da petición de Pleno Extraordinario para aclarar algo que “considerabamos que era xusto e que afectaba ao futuro e a xestión das residencias construídas, así como ao dos centros prometidos. “As palabras do presidente e do seu goberno fixeron saltar todas as alarmas. E non o dicimos só nós, que lle pregunte, por exemplo, aos veciños de Castroverde que aínda non teñen a súa residencia aberta malia ser inaugurada no ano 15”, apunta Candia.

Malia todo, dende o PP consideran que se logrou o obxectivo, que era acadar o compromiso de execución e xestión dos 18 centros proxectados por parte do organismo provincial, pero adiantan que seguirán de preto as xestións que emprendan ao respecto, co fin de que realmente se faga realidade a palabra dada hoxe no Pleno, pois “dicir dixo que si o farían, pero, sen embargo, votar votou en contra”; o que demostra que “o PSOE cambia, unha vez máis, de idea sobre a marcha cos conseguintes prexuízos para as persoas. Por exemplo, ao máis estilo Open Arms”, conclúe.

Etiquetas