Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXAXermade

Roupar de Arriba será sede da novena edición do encontro O rural quere xente

Por 22 Agosto, 2019Sin comentarios

A localidade de Roupar de Arriba, en Xermade acollerá a novena edición das xornadas O Rural quere Xente, que se celebrarán do 6 ao 8 de setembro nun encontro dirixido a facilitar a vida no rural tanto ás persoas que xa forman parte del como as que queren facer da ruralidade a súa forma de vida, dende a ecoloxía, á autoxestión e o apoio mútuo.

O Rural Quere Xente nacía hai algo mais de cinco anos no marco das Xornadas Rurais na Eira da Xoana, en Ramil, Agolada. Nesa primeira sesión acordaron contituírse en rede, “concretamente nunha rede de persoas”

“A nosa rede non ten portavocías, nen cadros dirixentes: é unha rede de iguais. Acordamos espallar a nosa mensaxe por todo o país, que vivir no e do rural na Galiza é posíbel, conscientes que somos se cadra centos as que partillamos as mesmas ilusións, as que xa estamos e as que queren vir … e non nos trabucábamos!”, explican.

A ese primeiro encontro seguírono outros sete, espallados por toda a xeografía. Paralelamente fóronse abrindo novas frontes de traballo, específicas ou sectoriais, para dar resposta e solución a problemas como a escolarización, os mercados, a saúde, entre outros.

Nestes encontros fundaméntase o espazo de debate, de reflexión, de aprendizaxe.

Así, o programa desenvolveranse en tres xornadas arrincando o venres ás 10.00 horas coa recepción dos participantes. A primeira xornada contará cun obradoiro de pan, de enerxía mini-renovables e varios faladoiros.

O sábado centraranse no hilado con huso, a bioconstrución, afilado de ferramentas e novos debates. Pecharán o domingo ao mediodía este encontro falando de alianzas.

Xa está aberto o parzo de inscrición para participar nesta cita, aberta a todo o mundo. Esta terá un custe de 20 euros por persoa (nenos e nenas de menos de 15 anos non pagan), ou en caso de vir un só día, serán 10 euros.