Os comercios de Vilalba sairán á rúa durante toda a semana

O concelleiro de Turismo e Comercio, Modesto Renda; o presidente da Asociación de Empresarios Sete Pontes, Álvaro Fraga, e os representantes do comercio asociado Antía Naveiras e Manuel Luís Rodríguez, presentaron a I edición do Comercio na Rúa, que se
celebrará en Vilalba do 26 ao 30 de agosto, coincidindo co inicio das festividades de San Ramón e Santa María.

Así, de luns a venres e de xeito ininterrompido (coa excepción da tarde do xoves por mor do operativo de seguridade para a Festa da Bicicleta) o comercio asociado sacará o seus produtos ás beirarrúas, co fin de proxectar as vantaxes do comercio local e de proximidade nunhas datas tan sinaladas para a veciñanza e aproveitar, ao tempo, a chegada de visitantes e turistas co obxectivo de incentivar o consumo.

O presidente da asociación organizadora, Álvaro Fraga, subliñou a importancia dan dinamización do comercio local e agradeceu a colaboración do Concello de cara á celebración da primeira edición dunha iniciativa, da que agarda, “sexa a primeira de moitas colaboracións”.

Na mesma liña, fixo fincapé na vontade de “asentala coma unha cita de referencia”, ademais de poñer en valor o volume de actividades levadas a cabo pola Asociación. Unha visión compartida polo Concelleiro de Turismo e Comercio, Modesto Renda, quen remarcou a importancia do comercio no PIB municipal e creación de postos de traballo estables. Neste sentido, Renda puxo tamén en valor a capacidade de reiventarse e reciclarse do pequeno e mediano comercio para buscar novas fórmulas e facer fronte aos novos modelos de consumo. “O Concello está e estará, como non podía ser doutro xeito, sempre á beira dos autónomos, así coma do lado de todas aquelas iniciativas que impulse o comercio asociado”, asegurou un Renda, que definiu ao comercio local e de proximidade coma un sector estratéxico para unha vila e un Concello, o de Vilalba, caracterizado polo grande peso do sector servizos no tecido empresarial local.

Para finalizar, o Concelleiro convidou a todos os vilalbeses/as a realizar as súas compras “nesa semana e ao longo de todo o ano” no comercio local e agradeceu aos comerciantes asociados a súa predisposición e colaboración, tamén, con vistas a compatibilizar a celebración da actividade co protocolo de seguridade e mobilidade preestablecido polo Concello de cara ás festas.

Pola súa banda, os representantes do comercio asociado, Antía Naveiras e Manuel Luís Rodríguez coincidiron ao destacar da iniciativa “o positivo de encher as rúas de movemento, ao tempo que se lle dá unha oportunidade aos vilalbeses/as e visitantes de comprar dun modo ameno e apracible e cos mellores descontos e prezos, ademais da inclusión de produtos de nova temporada.

Na cita participarán 24 comercios de todos os sectores, dende o textil ao da decoración, pasando por negocios de perruquería e de venta de electrodomésticos, que encherán de ledicia e cor as principais rúas do casco urbano de Vilalba, co obxectivo de atraer a veciños/as e visitantes para que coñezan de preto o que ofrece o comercio de Vilalba.

Participarán nesta primeira iniciativa Novalux Óptica, Carapuchiña Vermella, Maymar,O Gato con Botas, O Peto Máxico, Acheite, O Tenderete, O Rincón Encantado, Sanjurjo Moda, Texas, Cárber Moda, Floristería Lillium, Óptico Alain Afflelou Vilalba, Albosat (Milar), Casabedra Moda, Intermoda, Retoños, Mobelrías, Urbo, Zokos, Ferretería Puentes, Librería Feli, Peluquería Celia e Multitienda Taraxal.

Etiquetas