Friol remata agosto coa festa da Xuventude

O Concello de Friol pechará as actividades do verán cunha nova edición da Festa da Xuventude, unha cita que todos os anos leva moita xente  a esta localidade.

A festa terá lugar o 30 de agosto, venres. A festa dará comezo ás 21.00 horas cunha churrascada e pancetada gratuíta que se celebrará no parque Rosalía de Castro. Ademais da comida, os asistentes poderán obter unha ración de pan e bebida para dar comezo a esta festa.

Á medianoite dará comezo a verbena, que estará a cargo da orquestra Finisterre e do Grupo Assia e terá lugar na praza Andón Cebreiro. A música está previsto que dure ata ben entrada a madrugada.

O alcalde da localidade, José Ángel Santos, indicou que “a xente moza é moi importante para un Concello coma o noso, e para toda a sociedade en xeral, polo tanto, tamén é importante para este equipo de Goberno, feito que intentamos demostrarlles coa celebración desta festa que se organiza e leva a cabo para o desfrute e participación da xuventude de Friol e dos que queiran achegarse ata o noso concello”.

O concello ten reservado uns cartos para a xente moza do Concello subvencionando un autobús nocturno todos os sábados para vaixar a Melide á zona de ocio. Así mesmo, organiza diferentes cursos e formación e plans de emprego.

 

Etiquetas