Nace en Muimenta Pozomouro, un festival de actividades

Muimenta acollerá a próxima fin de semana unha nova iniciativa cultural baixo a dirección de veciños de Muimenta e membros da Asociación Cultural Aquilino Iglesia Alvariño. Así, nacerá Pozomouro, un festival diferentes deseñado segundo indican “como un festival onde a música non ocupará o papel central, senón que servira de nexo para facilitar o encontro das demais expresións artísticas”.

Os organizadores definen Pozomouro coma un espazo de creación, de xuntanza, de respecto e intercambio de saberes onde cadaquén poida ensinar o que leva dentro do seu ser.

O acontecemento terá lugar na praia fluvial de Muimenta, tamén coñecida pola xente máis maior como Pozo Mouro. O día elixido é o 31 de agosto, véspera da tradicional comida da veciñanza coñecida como a comida do río.

Un dos obxectivos primeiros foi poñer un coidado real no espazo que lles rodea, “no río, nas árbores, nas prantas e nos animais que alí convivimos porque é importante para nós que este medio ambiente perdure o máximo tempo posible, xa que é o río un dos piares das nosas vidas”. Por esta razón a pasada fin de seman fíxose unha convocatoria veciñal para proceder á limpeza da área recreativa durante a mañá do sábado.

O festival vai dirixido para persoas de todas as idades polo que haberá diferentes “pozos” (zonas) nos cales dende os máis pequenos ata os máis maiores poderán pasar un bo anaco. Contarán con diferentes obradoiros, charlas, concertos e moito máis.

Ao día seguinte, día 1 de setembro, terá lugar a comida veciñal tradicional na área recreativa que estará amenizada polo dúo Venus e que contará con xogos tradicionais e outras actividades.

Os interesados en sumarse ao xantar poden anotarse na mercería Teresa antes do 27.

Etiquetas