As Pontes será sede o sábado probas de crossfit e sup paddel

O lago das Pontes será, o sábado, 31 de agosto, escenario para a práctica de dúas disciplinas deportivas en auxe; o crossfit e o Sup Paddel.

A concellería de Deportes, en colaboración co club local Folixa e o grupo CrossFit DRK, organizou unha sesión de crossfit co obxectivo de achegar á poboación das Pontes a unha disciplina deportiva de vangarda que, a través de diferentes tipos de exercicios, adaptados a cada tipo de usuario e nunha única sesión, permite traballar diferentes grupos musculares e achegar múltiples beneficios para a saúde.

A sesión comezará ás 16:00 horas con tres adestramentos de proba, de balde, dirixidos a nen@s, adult@s e veteran@s, respectivamente, que darán paso, a partir das 19:00 horas, a unha exhibición dos atletas do equipo CrossFit DRK na que os veciños e veciñas poderán gozar da espectacularidade desta disciplina deportiva.

De forma paralela, a partir das 16:00 horas, as augas da praia do lago acollerán a Lake Sup Race, unha competición de padel surf para as categorías elite e popular, unha disciplina deportiva na que se utiliza un remo para moverse pola auga, de pé, sobre unha gran táboa de surf.

Ademais, desde as 17:00 horas ata as 19:00 horas, a veciñanza das Pontes e visitantes poderán gozar, da man do club pontés Folixa, de clases de SUP, de balde, e participar nun curso de esquimotaxe, unha técnica indispensable para a práctica de todas as modalidades de piragüismo de augas bravas, o kaiak-polo, kaiak de mar e o kaiak-surf que permite recuperar a posición da piragua despois de envorcar sen saír da embarcación.

A xornada deportiva finalizará ás 20:00 horas, coa entrega de premios aos participantes na proba e unha actuación musical a cargo do grupo I&I.

Desde o Concello das Pontes, o concelleiro de Deportes, Chicho Tembrás convida aos veciños e veciñas das Pontes e de toda a comarca a “achegarse ata o lago para coñecer de preto e en primeira persoa dúas disciplinas deportivas, con innumerables beneficios, que cada día gañan máis seguidores, e que contribúen de forma activa a mellorar a calidade de vida, a saúde e o benestar de quen as practica”

Etiquetas