Parga remata o programa do mes cunha romaría castrexa con xogos

O club Amigos do Río Parga de Guitiriz, en colaboración co concello de Guitiriz, celebrará o próximo 31 de agosto, sábado, unha romaría castrexa que contará cunha serie de actos que se abrirán coa I Carreira Popular Ruta da Auga.

Haberá unha carreira absoluta, cun percorrido de oito quilómetros pola contorna dos ríos Forxá, Ladroil e Parga, e unha proba infantil para nenos de entre sete e doce anos.

Os adultos reuniranse na carballeira de Parga, ás 10:00 horas, onde se lles trasladará en autobús ata a zona do aparcadoiro de autocaravanas de Guitiriz, onde farán a saída ás 10:30 horas para chegar a Parga na meta. Os pequenos terán a súa saída ás 11.30 horas na zona de Parga.

A organización entregará trofeos aos tres primeiros clasificados de cada categoría, mentres que o resto de participantes recibirán diplomas de recordo.

Trala carreiras terá lugar o IV campionato popular de Billarda e o primeiro de Lanza de Precisión, que dará comezo ás 12.30 horas. Unha hora máis tarde haberá unha tirada de corda entre homes e mulleres na que por cada dous homes tirarán tres mulleres.

A entrega de premios será ás 14.00 horas e de seguido terá lugar un xantar popular na Carballeira. O xantar contará con troitas con torreznos e ensalada, churrasco mixto con patacas, torta de millo da panadería David, pan, bebidas, café de pota e chupito. O xantar ten un prezo de 22 euros e os tickets poderán mercarse en Parga no bar CIT, restaurante Comba e bar Viña; no resturante los Mesones, no Merendero dos Vilares e na Casa Barxa e Xoldra en Guitiriz.

As inscicións, que serán de balde, poderán facerse no teléfono 630 58 64 59 antes do 26 de agosto.

Para animar a xornada haberá música celta durante toda a xornada e actuación dos grupos Amigos da Música de Guitiriz e o Grupo de Gaitas Municipal.

Etiquetas