Agustín Baamonde insta ao novo Goberno a anunciar a súa postura sobre temas relevantes

O voceiro do grupo popular do Concello de Vilalba e ex alcalde da localidade, Agustín Baamonde, invitou ao novo equipo de Goberno a posicionarse sobre temas e actuacións transcendentes. “Non pretendemos que teñan todo resolto en tres meses pero si cremos que é tempo de comunicar cal vai ser a súa postura en temas trascendentes, como o centro de día, a depuradora ou o Plan Xeral.

Nesta mesma liña, o ex alcalde tamén pediu que se informase aos veciños sobre cal vai ser a decisión final do equipo de Goberno sobre o parque acuático, “se vai pechar e substituír por unha piscina ou se se vai refacer ou arranxar”.

Os populares opinan que “foi un erro tremendo ter pechado o parque acuático, xa que arruinaron toda a vida que tiña a praia este último verán causando un dano tremendo á hostalería, aos nenos e ao dinamismo da vila”. O ex alcalde tamén afeou a decisión municipal de suprimir a biblioteca na praia, que non funcionou este ano.

Baamonde lembrou á alcaldesa que “teñen que darse conta que son eles os que agora están gobernando e os que teñen que tomar decisión, facerse responsables das súas accións e deixar de laiarse polas decisións que se tomaron na etapa anterior”.

Fixo con estas palabras referencia o líder popular ao declarado neste medio pola concelleira de Cultura, Vanesa Siso, sobre o retraso na cesión dos libros ao Concello da Biblioteca Agustín Fernández Paz. “É certo que se firmou o convenio para a cesión de parte desta biblioteca pero non se podía facer o traslado porque era necesario rematar antes as obras de accesibilidade e acondicionamento da planta primeira, máis concretamente na antigua sala de ordenadores, obras que remataron no mes de xuño, polo que é responsabilidade do novo Goberno facer este traslado, nós xa fixemos a parte que nos correspondía”. Agustín Baamonde lembrou que o anterior Goberno pediu unha subvención  para a dotación de mobiliario e de instrumentos.

Tamén se defendeu das acusacións de desidia no problema dos Madrugadores feitas pola alcaldesa asegurando que “na reunión e no pleno plantexamos tres opcións e faltaba tomar a decisión. Nós, ante a posibilidade de cambiar de Goberno, optamos por deixar que o que gañase as eleccións fose o encargado de decidir”.

“Naquel momento,  as anpas non quixeron facerse cargo da xestión e optouse pola municipalización do servizo porque aforra o transporte dos cativos e é moito máis barato para as familias. A outra opción era a instalación dun servizo de transporte público, non só para as ludotecas, que lles dera servizo a todos pero era a máis complicada porque require un trámite complexo”. Baamonde insistiu en que “tiña que ser o Goberno que gañou as eleccións o que tomara a decisión e eso é o que ten que facer a actual alcaldesa e deixar de botar culpas os que non podemos xa resolver nada”.

Etiquetas