Comezan os traballos de limpeza de 60 quilómetros de camiños rurais das Pontes

Hoxe arrancou no concello das Pontes o segundo plan de limpeza de marxes e gabias nas estradas e camiños de titularidade municipal que permitirá mellorar a drenaxe de preto de 60 quilómetros de viarios e evitar a deterioración ambiental.

As actuacións previstas, que se levarán a cabo en todo o ancho da cuneta, permitirán previr os desbordamentos, a erosión da capa de rodadura e a aparición de fochancas, mellorando a seguridade viaria e a accesibilidade en todo o municipio. 

Os traballos de limpeza tamén están dirixidos a protexer a cuberta vexetal autóctona para evitar a proliferación de especies vexetais invasoras e a conseguinte degradación ambiental.

Estes traballos, que inclúen tamén a limpeza de tubos atrancados, a sucidade das marxes e a roza da vexetación existente para devolver as cunetas e gabias ao seu estado orixinal, suporán unha inversión de 88.270 euros, con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental (FCA) 2019.

As actuacións acometeranse en zonas moi transitadas, nas que os riscos de deterioración son altos e levaranse a cabo, entre outras, nas parroquias de Santa María das Pontes, Somede, O Deveso ou Seoane, actuacións que se sumarán aos traballos de limpeza, mantemento e preservación da seguridade viaria que, desde fai anos, o Concello das Pontes levan a cabo nos viarios municipais.

Etiquetas