As Pontes conta xa co programa da súa Cita coa Historia

Durante o fin de semana, do 13 ao 15 de setembro, o municipio das Pontes retrocederá no tempo para celebrar a sexta edición da súa Cita coa Historia, organizada pola Asociación Lembranza da Vila en colaboración co Concello, na que a vila viaxará ao pasado e revivirá a súa historia..

Esta nova Cita acollerá unha grande diversidade de actividades, pensadas para toda a veciñanza, que arrancarán, o vernes, 13 de setembro ás 17.00 horas coa apertura do mercado, despois haberá obradoiros guiados, un por Chema Castro As orixes da forxa, as orixes do ferro, e outro por Marta e Mayka  Cultura gastronómica romana. Ás 20.30 será a quenda do pregón a cargo do escritor Xavier Alcalá na praza da Igrexa. Durante toda a tarde haberá pasarrúas e espectáculos ata ás 22.30 na que a compañía Human No Limits fará un espectáculo aéreo de pirotecnia e lume.

Xa o sábado 14 comezarán as actividades dende ás 11.00 onde na rúa dos oficios poderase desfrutar dun obradoiro de torneadao de madeira, dun sobre a construción dun escudo galaico, e dun de cerámica romana, e pola tarde será un obradoiro guiado por Adolfo Domínguez baixo o lema Xoiería e fabricación de pezas de metal, e por Isabel Carril con O tecido en tear de parede romano. Á programación sumarase unha visita guiada ao museo etnográfico Monte Caxado o ás 19.00.

Ao longo do día haberá pasarrúas no que poderanse ver faunos e outros seres mitolóxicos, espectáculos de cetrería, circo e ludoteca infantil con xogos tradicionais, xogos xigantes e xogos de época. E pola noite repetirá a compañía Human No Limits co seu espectáculo aéreo de pirotecnia e lume seguido dos concertos de folk de Fran Amil, Quenindiole e Pan de Capazo.

O domingo 15 será a quenda do concurso de c.aracterización ás 11.00 horas e a chegada das lexións romanas á vila e desfile militar a cargo da Cohors III Lucensium. A media mañá haberá demostracións de movementos de combate militar romano, un espectáculo circense e un obradoiro infantil de cetrería.

Xa pola tarde, ás 17.00 horas haberá actividades para os máis cativos no cemiterio vello cun obradoiro sobre o deseño dun brazalete galaico e a ludoteca. Acto seguido será o último desfile militar, e pechará a cita un espectáculo de circo a cargo da compañía Human No Limits ás 20.00.

Dende a organización invitan aos asistentes a caracterizarse para a ocasión. Haberá un photocall para poder posar coas mellores galas e participar no concurso que repartirá 500 euros en premios.

Pódese consultar o programa neste enlace.

Etiquetas