Inaugurada a área de autocaravanas de Meira

A Deputada de Turismo, Pilar García Porto, participou, xunto co Alcalde en funcións de Meira, Agustín Méndez Moirón, na inauguración da nova área de autocaravanas da que dispón o Concello chairego. Durante a inauguración estiveron acompañados de numerosos autocaravanistas e membros da Asociación Galega de Autocaravanas.

García Porto destacou que “o turismo en movemento sitúa a propia viaxe como experiencia, o que o fai ideal para coñecer pequenas vilas como as que temos na Provincia de Lugo. Ademais é un xeito de viaxar que está medrando moito nos últimos anos, impulsado, en parte, pola maior concienciación co medio ambiente, pois non precisa de grandes intervencións, e que axuda a preservar os espazos naturais”

A área de autocaravanas de Meira está dotada con espazo para 8 vehículos, fonte de auga potable, un área de descanso con mesas e bancos e saída de augas e bioquímicos. Financiouse a cargo do Plan Único da Deputación e contou cun orzamento de 38.000 euros.

Con motivo da inauguración, preto de 70 autocaravanistas achegáronse á vila de Meira e puideron desfrutar dunha visita guiada pola Igrexa e Mosteiro de Santa María, e dunha ruta de 9 quilómetros ata o Pedregal de Irimia, nacemento do Río Miño, dúas actividades nas que coñeceron o Patrimonio cultural e natural do Concello chairego. A tarde do sábado tamén estivo amenizada con actuacións musicais e o domingo, antes de dar por concluída a concentración, terá lugar unha actuación da banda municipal.

Así mesmo as autoridades visitaron as obras de mellora realizadas nas beirarrúas da Rúa Fray Vidal, financiadas polo Plan Único 2019.

Etiquetas