Rematan as obras nos colexios de Meira

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional executou este ano obras de mellora nos centros educativos de Meira, xa rematadas e que suman un investimento de 46.822 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, comprobou as actuacións realizadas no CEIP Poeta Avelino Díaz, no que se dotou o patio de pavimento de formigón nunha superficie duns 600 metros cadrados.

Paralelamente mellorouse a accesibilidade ao colexio coa construción dunha rampla de acceso dende o patio, explicou Balseiro, quen precisou que o orzamento de ambas actuacións ronda os 24.000 euros.

O delegado territorial apuntou que o CEIP de Meira conta este curso escolar con 168 alumnos e alumnas de educación infantil e primaria e nel desenvolven a súa actividade 18 docentes.

A Consellería tamén traballou este verán no IES Pedregal de Irimia deste mesmo concello, no que se acometeu a última fase de substitución das carpinterías exteriores do edificio, para o que se destinaron 22.750 euros.

Segundo lembrou Balseiro, estas actuacións forman parte do programa de reforma que o Goberno galego desenvolve ao longo do mes de agosto aproveitando as vacacións escolares e, deste xeito, poñendo a punto as instalacións educativas de cara ao inicio do novo curso escolar.

Etiquetas