Detido en Begonte por ter unha plantación de marihuana

A Garda Civil detivo en Baamonde a un veciño de Begonte, de 39 anos de idade, como suposto autor dun delito contra a saúde pública por cultivo e tráfico de drogas.

A detención tivo lugar nunha leira situada no termo municipal de Begonte, na cal se detectaron varias plantas de marihuana distribuídas ao longo do terreo, así como outras en macetas pequenas destinadas para o seu transplante.

A Garda Civil iniciou unha investigación durante a cal se obervou a unha furgoneta accedendo a este lugar. Ante este feito os axentes procederon a identificar o condutor nas inmediacións dun alpendre situado no terreo.

Nesta edificación tamén descubriron unha gran cantidade de plantas de marihuana colgadas do tellado e un tendal con varias ramificacións de plantas con cogollos colgados para o seu secado. Así mesmo, localizaron unha gran cantidade de cogollos xa secos estendidos encima dunha mesa.

Tras inspeccionar o exterior da leira e interior do alpendre contabilizaron un total de 255 plantas de suposta marihuana.

A persoa detida foi posta a disposición xudicial.

Etiquetas