Skip to main content
ActualidadeCospeito

A parroquia de Pino, en Cospeito, inicia varios talleres este outono

Por 25 Setembro, 2019Sin comentarios

A Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Piñeiro e Culturalia GZ celebrarán unha serie de talleres culturais para todas as idades, enmarcados baixo o título O universo das letras. Impartidos por Martiño Maseda, todos eles desenvolveranse no local social da parroquia cospeitesa de Piñeiro.

O taller poético Somos versos e emocións terá lugar o primeiro e terceiro xoves de cada mes, en horario de 19.30 a 20.30 horas, mentres que o segundo e cuarto xoves, no mesmo horario, estarán reservados para a narrativa, a través da proposta A prosa imaxinaria.

A colaboración entre ambas as entidades tamén impulsa a creación dunha aula de teatro, con clases todos os venres, de 19.30 a 20.30 horas. Ademais, fomenta a posta en marcha dun club de lectura, que se reunirá durante unha hora, xusto despois das clases de teatro, os últimos venres de cada mes.

O prazo para apuntarse en calquera destas actividades, coas que se busca contribuír á dinamización do rural, xa está aberto. O custo de cada un dos obradoiros é de 12 euros mensuais para as persoas socias e de 15 para aquelas que non o sexan.

A maiores destas actividades, a asociación veciñal de Piñeiro tamén organiza, en colaboración coa artista Adolfina Mesa, un taller de pintura. Este curso está previsto que leve a cabo todos os sábados dos meses de novembro e decembro, en horario de 16.00 a 18.00 horas, no local social de Piñeiro. O custe é de 20 euros para os socios e de 25 para o resto de persoas interesadas.