Aparecen mortas 150 troitas no río Pequeno de Muimenta

O Seprona e Medio Ambiente están a investigar a aparición dunhas 150 troitas mortas nun tramo de 500 metros do río Pequeno ao seu paso por Muimenta.

Estas troitas foron atopadas esta semana preto das instalacións da depuradora que se atopa xunto á área recreativa de Muimenta.

“Non temos moi claro cal é o motivo da mortandade das troitas, pero os de Medio Ambiente están a investigalo e din que podería ser por un cambio no caudal”, aclarou Luis Sandamil, presidente de Amigos do Miño, “aínda que os veciños creen que se trata dun problema coa depuradora xa que non funciona correctamente”, finaliza.

Os técnicos do Seprona e Medio Ambiente recolleron mostras para o seu analise no laboratorio para ver se a causa é polo baixo caudal ou por un verquido no río. “Este verquido podería deberse a un mal funcionamento da depuradora xa que esta traballa por captación e estes días producíronse moitas chuvias que provocaron que os verquidos saian fóra”, conclúe Sandamil.

Así, os Amigos do Miño quedan á espera dos resultados pero continúan coas súas tarefas de limpeza nos cotos de Terra Chá e Castro de Rei, nos que invitan a participar este domingo 29 chamando ao 619 703 373.

Etiquetas