Castiñeiro Milenario organiza o sábado un paseo micolóxico

Un ano máis a Sociedade Micolóxica Lucus e a Asociación Cultural Castiñeiro Milenario celebrarán unha nova edición do Paseo Micolóxico. A partir das dez da mañá, as persoas asociadas das dúas organizacións  realizarán un percorrido por algunhas das fragas do Concello de Begonte, co obxectivo de poder estudar e identificar os cogomelos no seu propio hábitat. Ao mediodía haberá unha comida conxunta de confraternidade no local social da Asociación Veciñal do Castro, cedido de xeito desinteresado para a ocasión. A comida e bebida achegarase por parte de ambas asociacións, aínda que calquera pode aportar voluntariamente algunha preparación para complementar a mesma e compartir cos asistentes.

Ademais como novidade, este ano despois do xantar, José Castro da Sociedade Micolóxica Lucus, dará un pequeno obradoiro de identificación, clasificación e visión baixo lupa de diferentes cogomelos. Este obradoiro é de balde e está aberto ao público en xeral.

O Paseo Micolóxico é unha actividade gratuíta para os socios de ambas as dúas asociacións, mesmo o xantar correrá a cargo de SMLucus e a AC Castiñeiro Milenario. O prazo para apuntarse remata o venres 27 de setembro pola mañá.

O Obradoiro de identificación tamén é unha actividade de balde e aberta ao público en xeral.

Etiquetas