Skip to main content
ActualidadeFriol TERRACHÁXA

A Deputación inviste en obras de estradas en Friol e Outeiro de Rei

Por 1 Outubro, 2019Sin comentarios

O presidente da Deputación, José Tomé, responsable directo da área de Xestión Territorial, informou de que a Deputación acometerá obras de acondicionamento e mellora en máis de 8 quilómetros de estradas provinciais de Outeiro de Rei e Friol. Na primeira localidade, arranxaranse 1,9 quilómetros da LU-P-1109; preto dun quilómetro da LU-P-3907 e 3,4 quilómetros da LU-P-3908. En Friol, os traballos realizaranse na LU-P-1611, o chamado cinto comarcal, no que se mellorarán 2,2 quilómetros.

A institución provincial inviste preto de 360.000€ na realización dos seguintes traballos en ambas as dúas estradas: reapertura e limpeza de cunetas, rehabilitación do firme con aglomerado en quente e a renovación da sinalización horizontal, actuacións que mellorarán a seguridade vial e a comodidade dos conductores.

Mañá martes comezará a estenderse o novo pavimento en 6,2 quilómetros de estradas provinciais de Outeiro de Rei, un proxecto que conta cun investimento de 209.209 euros. Realizaranse en 1,9 quilómetros da LU-P-1109, que vai de Dumpin, por Cornide a Arcos, entre os puntos quilómetros 1,7 e 3,7. Esta é unha vía especialmente frecuentada, pois utilízase como percorrido corto entre Castro e Outeiro de Rei. Ademais, na LU-P-3907, que vai de Arcos a Ceao por Vilar, mellorarase preto de un quilómetro, dende o punto 3,1 ata o 4,07; e na LU-P-3908, que vai de Ramil á LU-P-2905 por Martul arranxaranse 3,4 quilómetros, dende o punto 0,0 ata o 3,4.

En canto ao cinto comarcal de Friol, a LU-P-1611, o novo pavimento empezará a botarse este mércores. Esta actuación afecta a 2,2 quilómetros, entre os puntos 47,7 e 49,9, que se suman ao quilómetro xa acometido, entre os puntos 46,8 e 47,7. Esta vía rodea a capital lucense e vai dende o núcleo de Friol cara o polígono industrial de Begonte, á parroquia de Ousá. A Deputación achega para a rehabilitación do firme desta estrada preto de 148.500 euros.