Skip to main content
ActualidadeGuitiriz

Guitiriz desviará o subministro de auga para mellorar a súa calidade

Por 2 Outubro, 2019Sin comentarios

O Concello de Guitiriz continúa buscando fórmulas para lograr que a calidade da auga que reciben os veciños e veciñas do municipio nas súas casas teña a maior calidade posible.

Así, sacou a licitación un proxecto valorado en 54.367’47 euros para renovar unha antiga rede de circunvalación no encoro de San Xoán que, cando entre en funcionamento, permitirá desviar a subministración de auga para que non pase polo encoro.

A auga que se extrae do encoro posúe uns niveis moi altos de ferro na súa composición o que, sumado a que nas épocas estivais redúcese o nivel da auga, a concentración do mesmo aumenta e xérase esa cor amarelada que detectan os veciños e veciñas de Guitiriz na auga das súas casas.

A tubaxe de circunvalación que se renovará foi proxectada en 1979 e discorre desde unha caseta situada no paso dun curso natural de auga que abastece ao encoro ata outra caseta que ten a función de bypass para regular a auga.

A alcaldesa, Marisol Morandeira, destacou a importancia desta actuación e asegurou que o goberno local “non cesará no seu empeño para que todos os habitantes de Guitiriz poidan gozar dun servizo de auga nas mellores condicións posibles”.