O proxecto Camiño Escena Teatro levará a Vilalba unha representación en outubro

O proxecto Camiño Escena Norte, promovido polas asociacións de produtoras escénicas de Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi, chega a Lugo da man da Vicepresidencia da Deputación. A vicepresidenta, Maite Ferreiro, e o coordinador da iniciativa, Diego V. Meizoso, presentaron o ciclo lucense do proxecto, que trae á provincia catro representacións, unha delas en Vilalba.

A compañía asturiana Teatro del Cuervo representou a obra Bojiganga en Ribadeo e en Mondoñedo. O 3 de outubro o grupo tamén asturiano La Tejedora de Sueños porá en escena Como ceniza blanca sobre una hoguera en Lugo. A axenda na provincia complétase coa representación de A viaxe de Ulises / Ulisesen bidaia, da compañía Teatro Gorakada o 5 de outubro en Vilalba.

Maite Ferreiro sinalou que “desde as admnistracións temos que estar ao lado destes proxectos que nos permiten ver traballo feitos noutras comunidades pero tamén facilitan que neses territorios se poida visibilizar a cultura feita no propio país”.

Neste senso, Diego Meizoso apuntou que “o proxecto atopa o seu sentido na diversidade cultural e lingüística dos territorios que percorre o Camiño de Santiago” e detallou que “as compañías galegas representarán as súas obras en versións bilingues, con partes en galego”.

Camiño Escena Norte é unha iniciativa impulsada polas asociacións de produtoras escénicas Escena Galega, EscenAsturias, ACEPAE (Cantabria) e Eskena (Euskadi), artellada arredor do intercambio cultural que xenera o Camiño de Santiago do Norte. O proxecto facilita ao público o acceso a producións escénicas doutros territorios, mostrando a diversidade cultural, lingüística e de formatos e linguaxes escénicas da produción galega, asturiana, cántabra e vasca. Así, ademais de traer varios espectáculos doutras comunidades a territorio galego, levará obras de dúas compañías do país, Baobab Teatro e A Panadaría, polo norte peninsular.

A viaxe de Ulises / Ulisesen bidaia é unha creación colectiva sobre un texto de Julio Salvatierra a cargo de Teatro Gorakada (Euskadi) e dirixido a público infantil e familiar.

A sinopse fala dos deuses gregos que moraban na cima do monte Olimpo e gobernaban sobre os seres humanos, influíndo sobre estes coa súa protección ou co seu abandono. Algúns homes ousaron desafiar os seus caprichos e foron vítimas da súa ira, como no caso de Ulises, quen ao ofender a Poseidón deixando cego ao seu fillo Polifemo, este impídelle volver a Ítaca, deixándoo vagar sen rumbo por todo o mar Mediterráneo. A historia de Ulises é a historia da viaxe como metáfora da vida, da loita contra as dificultades e a forma de resolvelas. É un espectáculo en castelán con cancións e diálogos en euskera.

A cita será o 5 outubro no Auditorio Carmen Estévez de Vilalba a partir das 18.30. Dúas horas antes dará comezo un obradoiro.

Etiquetas