Skip to main content
A PastorizaActualidade

Abre o prazo para anotarse no programa Volante Deputación

Por 5 Outubro, 2019Sin comentarios

O deputado de Deportes Efrén Castro, a tenente de alcalde da Pastoriza Elva Carreira e o director de PTC Escuela, Antonio Solórzano, presentaron a oitava edición do programa Volante Deputación, unha iniciativa que pretende achegar a afeccionados e afeccionadas ao rally á competición automobilística.

O programa, que se desenvolve no circuíto da Pastoriza os vindeiros 12 e 13 de outubro, ten dúas partes claramente diferenciadas; unha formativa, na que todos os participantes reciben un curso de condución, e outra puramente competitiva, que consiste na disputa dunhas probas cronometradas.

O premio para o gañador ou gañadora é participar no Rallie San Froilán a bordo dun Suzuki SwiftSport, dentro da estrutura do equipo de competición PTC Escuela.

O deputado de Deportes, Efrén Castro, destacou que o programa “se converteu nunha referencia no mundo do motor” e destacou a posibilidade que ofrece aos afeccionados e afeccionadas que  “ as veces polos prezos e outras polo ao medo a dar o paso de debutar nun rally, doutra maneira, non poderían vivir esa experiencia”. O deputado sarriao puxo a iniciativa como un exemplo “de colaboración entre institucións e de posta en valor dos recursos da provincia”.  

A tenente de alcalde da Pastoriza, Elva Carreira,  remarcou que a colaboración co Volante Deputación “é unha forma de que A Pastoriza estea presente nun dos rally máis carismáticos dos que se celebran en Galicia e facelo da mellor maneira posible, apoiando o deporte base”.

O director de PTC Escuela, Antonio Solórzano, destacou o interese que esperta a parte formativa do programa. “Hai moita xente que asiste á selección sen o ánimo directo de optar ao premio, que saben que pode estar complicado polo bo nivel dos participantes. Aproveitan que o evento lles ofrece a posibilidade de rodar no circuíto e estar en contacto con outros pilotos e ver o nivel que teñen”.

As probas cronometradas  realízanse en coches facilitados por PTC Escuela. 

O prazo de inscrición manterase aberto ata o venres 11 de outubro ás 10.00 horas. O formulario para anotarse pode descargarse na web de PTC Escuela. O número máximo de participantes é de 185 persoas.