Skip to main content
Actualidade

Comezan as obras de mellora dos camiños municipais en Veiga da Nata das Pontes

Por 5 Outubro, 2019Sin comentarios

O Concello das Pontes comezou as obras de mellora dos camiños municipais en Veiga da Nata, unha actuación cun orzamento de 82.956 euros con cargo ao Fondo Agader. 

Os traballos están encamiñados á rehabilitación dos viarios para dotalos dunha óptima calidade, tanto estrutural como superficial, para aumentar a súa seguridade e facer máis cómoda a circulación.

O proxecto inclúe o barrido da superficie dos camiños e a limpeza das marxes e cunetas, coa eliminación da vexetación que invade o vial.  Asemade, procederase ao bacheao das zonas que se atopan afundidas e ao fresado do firme existente para realizar, de forma correcta, o entroque cos viais rehabilitados no ano 2018 para, a continuación, proceder á renovación da capa de rodadura con aglomerado. 

Ademais realizaranse outras actuacións de mellora e aumento da seguridade viaria, tales como a reposición da sinalización horizontal e vertical, o pintado das liñas nos bordes do viario e das sinais precisas segundo marca o código de circulación vixente.

Estas obras forman parte do plan de traballo deseñado polo goberno local para as parroquias do rural pontés, destinado a mellorar a rede de estradas e camiños, continuar coa incorporación de novos servizos públicos así como renovar os equipamentos, seguindo co seu compromiso por mellorar as infraestruturas do ámbito rural e favorecer a calidade de vida de toda a veciñanza.