Muras remata obras en Bermuz, Xestosa e o Centro de interpetación

O Concello de Muras adxudicou os traballos do cemiterio municipal, con cargo do Plan Único 2018, que se encontraban pendentes dende hai tempo e que xa tiña o orzamento destinado. Trátase de reparacións de importancia neste servizo que estaban comprometidas de realizar.

As obras comezarán estes días e non tardarán moito en rematar, segundo anunciou o alcalde da vila, Manuel Requeijo.

Por outra banda, un feixe de obras están a rematar estes días. Unha delas é o Centro de Interpretación Medioambiental, ubicado na coñecida como Casa do Médico, que contará cun salón de actos con capacidade para 50 persoas.

Este proxecto forma parte das iniciativas non produtivas financiadas con 62.900 euros a través do GDR Terra Chá, e encamiñadas á prestación de servizos públicos gratuítos, a impulsar dotacións e a mellorar a calidade de vida no medio rural.

Outra das obras que está a piques de rematar é a da traída da auga da Xestosa, que se atopa ao 75% da súa execución e avanza dentro dos prazos previstos. As previsións son que no mes de novembro  os veciños desta parroquia conten con auga da traída nas súas casas.

Finalmente, remataron tamén remataron as obras na ponte de Bermuz e que supuxeron o arranxo desta vía de comunicación co concello de Vilalba, que levaba moitos anos en espera.

Esta ponte foi a solución para que os veciños puideran cruzar o río Eume no lugar da Balsa, nun enclave de gran beleza e tradición.

A obra está financiada pola Deputación provincial tralo acordo ao que chegaron os mandatarios dos concellos de Muras e Vilalba antes do cambio de goberno e que foi moito motivo de disputa mentres a ponte seguía en declive.

Etiquetas