Skip to main content
Actualidade

A ponte de Uriz de Outeiro de Rei estará cortada ao tráfico o luns e o martes

Por 13 Outubro, 2019Sin comentarios

A Deputación de Lugo manterá cortada ao tráfico a estrada provincial LU-P-5101 á altura da ponte de Uriz, en Outeiro de Rei, este vindeiro luns e martes para proceder á limpeza do río Ladra. O Goberno provincial detectou que o leito do río está obstruído por varias árbores que se acumulan nos arcos da ponte e obstaculizan que a auga continúe co seu curso de xeito natural. Trasladoulle esa incidencia á Confederación Hidrográfica e será a vindeira semana cando se efectúen os labores de limpeza.

Durante estes dous días, os operarios de TRAGSA retirarán a maleza que tapona o río Ladra. Mentres se executan estas obras, o tráfico será desviado por vías alternativas que estarán debidamente sinalizadas. Estas indicacións situaranse na rotonda do polígono industrial de Rábade, no cinto comarcal de Begonte e nos accesos procedentes de Pena de Rodas, Begonte, Outeiro de Rei e Friol.

Está previsto que as tarefas de limpeza rematen o martes, polo que a circulación de vehículos estará normalizada o mércores, 16 de outubro.