Adxudicada unha nova campaña de escavacións e consolidación no castro de Viladonga

Adxudicouse unha nova campaña de escavacións e consolidación de estructuras no castro de Viladonga, en Castro de Rei (Lugo), cun orzamento de 213.200 euros.

Actuarase sobre unha superficie duns 830 metros cadrados no sector nordés da croa, que inclúe as estruturas localizadas durante a campaña do pasado ano. O prazo máximo de execución será de nove meses.

Levaranse a cabo traballos de investigación, documentación, escavación, consolidación e acondicionamento do xacemento, ampliando a área de intervención coa finalidade de favorecer o seu estudo, de garantir a súa conservación e protección, e conseguir a súa posta en valor e mellor comprensión e visibilidade por parte do público que visite este xacemento.

O proxecto recolle unha área de arredor de 170 metros cadrados de escavación arqueolóxica nova, e tamén se procederá á escavación ata a rocha nai do espazo interior do monumental alxibe que abastecía de auga ao poboado castrexo, atopado durante os traballos do pasado ano. A continuación consolidaranse todos os elementos, tanto o alxibe, estruturas circulares anexas e o empedrado que saíron á luz no 2018 como as que poidan aparecer nesta intervención.

Xunto a esta actuación principal tamén se levará a cabo a escavación e restauración dun tramo de 50 metros cadrados do lenzo interior da muralla que defende a croa do castro. Igualmente, realizarase a roza e limpeza de vexetación do xacemento arqueolóxico nunha superficie aproximada de 3 hectáreas, incluíndo a croa, antecastros, murallas, parapetos e fosos. Así mesmo, quérese difundir entre a cidadanía os traballos que se van realizar mediante diferentes accións de divulgación.

O castro de Viladonga está declarado Ben de Interese Cultural (BIC); datado na Idade do Ferro e época romana, é un dos xacementos arqueolóxicos máis senlleiros de Galicia e un dos máis coñecidos e visitados polo público en xeral.

Etiquetas