Skip to main content
Actualidade

As Pontes acollerá un curso de silvicultura de frondosas os días 25 e 26

Por 21 Outubro, 2019Sin comentarios

A Asociación Forestal de Galicia está a desenvolver este outono un programa de formación en toda a comunidade orientado a mellorar a silvicultura. O obxectivo é que os propietarios e xestores forestais adquiran os coñecementos precisos para a produción de madeira de alto valor.

Nas Pontes, a AFG desenvolverá os próximos venres 25 en horario de tarde e sábado 26 de outubro de mañá, un curso sobre silvicultura de frondosas caducifolias. A actividade contará cunha parte teórica, que será na Casa Dopeso, e outra parte práctica, que se fará en montes da zona.  Búscase que o propietario adquira os coñecementos precisos para a mellora do manexo de plantacións de cerdeiras, castiñeiros ou carballo americano, entre outras especies.

O curso abordará aspectos como as boas prácticas na plantación, as podas de formación e desenvolvemento da árbore ou a execución de desmestas e rareos.

Con esta actividade, a Asociación Forestal de Galicia formará ós propietarios forestais interesados na produción de madeira de alto valor, para a que se precisan árbores rectas, sen nós e de diámetros suficientes. É unha madeira que está a ser demandada e valorada pola industria galega da madeira, polo que a execución dos coidados precisos nunha plantación forestal derivará nunha maior rendibilidade para os propietarios.

Os cursos son gratuítos, pero é precisa a inscrición previa, ben a través do e-mail afg@asociacionforestal.org, ben a través dos teléfonos 981 564 011, 986 660 864 e 618 752 214.