Skip to main content
ActualidadeRábade TERRACHÁXAVilalba

Catro centros educativos da comarca reciben achegas para a loita contra a violencia de xénero

Por 21 Outubro, 2019Sin comentarios

A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a través da Secretaría Xeral da Igualdade, colabora con 20 asociacións de nais e pais lucenses (Anpas) na posta en marcha de programas de promoción da igualdade e loita contra a violencia de xénero. Entre elas figuran a do colexio de Rábade e de tres centros educativos de Vilalba.

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución desta orde de axudas, a primeira que o Goberno galego pon en marcha con este fin específico destinada ás Anpas, que se inscribe no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e que no conxunto da provincia suporá unhas achegas directas que suman 67.239 euros.

Nesta convocatoria atendéronse o cen por cen das solicitudes presentadas polas Anpas luguesas.

Na relación de beneficiarios hai asociacións de nais e pais de diferentes zonas da provincia: oito da Mariña lucense, tres da Terra Chá, catro da comarca de Lugo, unha da Ulloa, dúas da zona Sur e dúas federacións provinciais.

En función do proxecto presentado, cada solicitude recibe un máximo de 4.000 euros se é de carácter individual ou de 7.000 euros no caso das peticións conxuntas presentadas por dúas ou máis Anpas dun mesmo concello ou por unha federación ou confederación de Anpas.

As Anpas que recibirán as axudas serán a do Ceip Otero Pedrayo de Rábade e en Vilalba a da escola infantil, o Ceip Antonio Insua e o IES Basanta Silva.

Iniciativas apoiadas

A través desta orde de achegas, a Xunta apoia actuacións como escolas de pais e nais que aborden temas de igualdade, educación afectivo-sexual ou violencia de xénero; a elaboración de materiais informativos para axudar a detectar estes casos; a realización de accións de formación, sensibilización e difusión contra a cosificación do corpo das mulleres; a formación para pais e nais ou mozos e mozas sobre o uso adecuado das novas tecnoloxías; accións de formación coas familias e o alumnado sobre novas masculinidades para romper cos micromachismos; e outras accións que sensibilicen sobre os estereotipos e que dean a coñecer as pautas para previr a violencia de xénero e os protocolos existentes en casos de agresións.