Prohiben en Guitiriz o consumo de auga da traída polo alto nivel de ferro

Unha nova analítica da auga do núcleo urbano de Guitiriz, realizada polo laboratorio contratado polo Concello, confirmou que o nivel de ferro presente continúa estando moi por encima do recomendable (1361 µ g/l) polo que o goberno local prohibe o consumo de auga.

Os controis propios realizadas diariamente polo técnico municipal de medio ambiente, que reflectían uns niveis de ferro moito menores que o alcanzado hoxe, e os axustes levados a cabo durante as últimas semanas nos filtros instalados na depuradora, facían esperar outro tipo de resultados.

Refutada a gravidade da situación nesta segunda análise dos niveis de ferro na auga realizada polo laboratorio contratado o goberno local decidiu prohibir aos veciños e veciñas de Guitiriz o consumo de auga da traída ata que a situación se solvente.

A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, pediu hoxe desculpas aos veciños e veciñas de Guitiriz e declarou que “desde o goberno local continuarase traballando sen descanso para liquidar esta recorrente problemática que afecta a auga de Guitiriz” e anunciou que “solicitará unha reunión urxente con Augas de Galicia para abordar de forma conxunta este asunto” e tamén que “o luns comezarán as obras para desviar o subministro de auga e que non pase polo encoro, facendo uso dunha antiga rede de circunvalación”.
Doutra banda, Marisol Morandeira confirmou que se aplicarán as bonificacións económicas correspondentes na factura da auga para os afectados e afectadas para compensar o tempo que non puidesen facer un uso normal do servizo.

Etiquetas