A Deputación axudou a recuperación de terras abandonadas para a produción agrogandeira

A Xunta de Goberno da Deputación aproboua xustificación de 9 subvencións por un valor conxunto de preto de 25.000 euros concedidas ao abeiro do Plan de Recuperación e Incorporación de Terras para a posta en Produción de Recursos Gandeiros. Con esta edición do programa, froito do compromiso da Deputación coa xeración de riqueza e emprego no rural potenciando o sector agrogandeiro, recuperaranse preto de 400 has de terras abandonadas na provincia para poñelas en produción.

A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, subliñou que este é “un programa pioneiro nunha administración pública galega, que a Deputación puxo en funcionamento no ano 2014 e co que seguimos traballando, dende esa convocatoria ata o día de hoxe os agricultores e gandeiros lucenses puxeron en produción máis 2.000 hectáreas de terreos baldíos na provincia”.

Polo demais, a Xunta de Goberno acordou desestimar a solicitude de resolución de contrato que presentou a empresa adxudicataria das obras de construción da residencia da terceira idade da Pobra do Brollón, Prado Lameiro SL. García Porto explicou que se rexeita a petición da contratista en base aos informes emitidos polos servizos técnicos provinciais, un do servizo de Arquitectura e outro xurídico elaborado polo servizo de Contratación, que conta ademais co conforme da Secretaría Xeral e da Intervención. Uns informes que determinan que non existiu unha demora inxustificada na comprobación do replanteo da obra, a causa que alega a empresa para pedir a resolución do contrato.

Tamén se aprobaron os plans de seguridade e saúde no traballo para acometer as actuacións do contrato de conservación da rede viaria provincial correspondentes ás zonas 1, 2 e 4, que inclúen 31 concellos das comarcas da Mariña, A Chaira, Lugo, A Ulloa e Sarria. A Deputación vén de adxudicar, en 8 lotes, o novo contrato de conservación de estradas da súa titularidade por un importe de 6,4 millóns de euros para os vindeiros tres anos.

Etiquetas