As empresas de Guitiriz adheridas ao Sicted aprenderon sobre o Camiño de Santiago

A Casa Habanera do Concello de Guitiriz acolleu unha reunión do denominado Grupo de Mellora das empresas adheridas ao Sicted, Sistema Integral de Calidade Turística en Destinos, na que descubriron as oportunidades de negocio asociadas ao Camiño de Santiago.

A formación, que estivo impartida por Tee Travel e na que participaron empresas de todos os ciclos nos que se distribúe o Sicted, tiña como obxectivo conseguir unha maior adaptación dos establecementos tendo en conta as necesidades dunha demanda en auxe como segue sendo o Camiño de Santiago.

O goberno local continúa apostando pola calidade turística e a posta en valor do destino e das empresas do sector a través do Sicted, un sistema que se segue consolidando no sector turístico do municipio catorce anos despois de comezar e que agora duplica o número de empresas adheridas.

Un total de 17 empresas e organismos; entre as que se atopan bares e cafeterías, restaurantes, pensión, albergue, cámping, oficina de turismo, taxi, organismos de seguridade cidadá e comercios; son as que están a traballar neste momento para superar a avaliación e implantar ou renovar o distintivo.

Etiquetas