As Pontes recibirá preto de un millón de euros do Plan Único da Deputación da Coruña

O Concello das Pontes recibirá 986.037,85 euros do Plan Único 2020 da Deputación da Coruña. Unha partida, que sumada ás anteriores, suporá unha inversión no municipio, por parte do organismo provincial, 6,8 millóns de euros, durante o período 2017-2020.

O organismo provincial aprobou, a semana pasada, en sesión plenaria as bases do POS + 2020 que repartirá 47,2 millóns de euros para os 93 concellos da provincia e que deixará algo máis de 9,1 millóns de euros na comarca do Ferrolterra e Ortegal, sendo o concello pontés un dos máis beneficiados.

Trátase da achega inicial do Plan Único 2020, que irá incrementándose ao longo do exercicio coa incorporación de distintos remanentes, destinada á execución de obras, ao financiamento de parte do gasto corrente dos servizos básicos ou a sanear as economías municipais amortizando débeda con provedores e entidades bancarias.

Desde o goberno municipal sinalan que esta inversión vai permitir ao Concello das Pontes continuar coa súa folla de ruta para mellorar a calidade de vida de todos os veciños, seguir avanzando na reforma do casco urbano, na súa renovación estrutural e estética, e impulsar os servizos nas parroquias, para facer das Pontes o pobo que todos queremos.

O Concello de As Pontes, xunto cos 93 concellos que se beneficiarán desta achega, ten ata o 19 de decembro para solicitar á Deputación os proxectos a financiar con cargo ó POS+2020.

PLAN ÚNICO
O Plan Único, creado en 2017 polo goberno provincial unifica os antigos plans de investimentos da Deputación da Coruña e 11 liñas de subvencións nunha única convocatoria anual.

Esta achega permite aos concellos unha mellor planificación, maior axilidade na tramitación e máis autonomía local para decidir os investimentos aos que dedicar os fondos provinciais así como a transparencia na asignación de recursos, en base a criterios obxectivos como a poboación, superficie, número de parroquias e esforzo fiscal de cada concello.

Etiquetas