Skip to main content
Actualidade

O pontés Iván Pena proclamouse en China campión do mundo en sprint

Por 2 Novembro, 2019Sin comentarios

Os éxitos do pontés Iván Pena alcanzaron a pasada fin de semana un novo nivel, o do campión do mundo, precisamente na categoría sprint de máis de 40.

O deportista, presidente do Club Náutico Folixa das Pontes e organizador do Xtreme Pantín, entre outras moitas facetas, exerceu a representación galega na competición internacional de Qingdao, en China. Pena tomou a saída en augas asiáticas dentro da competición dirixida a deportistas Máster 40 e a súa modalidade sprint. Unha final directa na que o pontés, gran promotor desta disciplina na vila, foi o único capaz de baixar do minuto en percorrer o trazado de 200 metros establecido para esta competición. Parando o cronómetro en 59.77, o das Pontes superou ao israelí Eran Kanias –1:00.31– e ao anfitrión Hai Xin Sun –1:00.86–. Unha regata na que, entre a case vintena de padeeiras que tomaron parte, competiron representantes de Brasil, Corea, Rusia, Portugal, Eslovenia e Exipto.

Pena agranda así a súa palmarés, no que conta con títulos nacionais de base en piragüismo e con participación internacional coa selección española de kaiak polo. Xa nas modalidades nas que se introduciu máis recentemente –SUP, waveski…– o pontés xa sabe o que é subirse ao podio en citas internacionais.

Así, Pena, formando parte da selección española de waveski fíxose co cordón mundial por equipos na competición portuguesa de 2016. Unha cita na que, a nivel individual, ocupou a cuarta posición dentro desta franxa de idade.