Aprazada a declaración de Roberto García sobre a súa xestión na comunidade de montes de Lousada

A declaración en sede xudicial do alcalde de Xermade, Roberto García, pola súa suposta implicación nunha serie de irregularidades cometidas na contabilidade da comunidade de montes de Lousada foi aprazada ata o próximo mes de febreiro por petición do propio rexedor.

O alcalde socialista explicou que pediou o aprazamento para poder asistir ao pleno da Deputación de Lugo celebrado nesa mesma data.

Roberto García exerce desde xuño de 2017 como presidente e a comunidade de montes de Lousada, entidade cuxa directiva foi denunciada por un veciño da parroquia, por supostas “irregularidades detectadas na contabilidade nunha auditoría externa” encargada por un grupo de comuneiros.

Na denuncia, presentada o pasado mes de xuño, este veciño asegura que as contas da comunidade presentan un desfasamento de máis de 30.000 euros no balance contable do ano 2017 entre o saldo positivo que figura na contabilidade oficial presentada pola xunta directiva (75.000 euros) e o realmente existente nas contas da comunidade (44.000 euros).

Ademais, a auditoría advertiu de supostos movementos bancarios e cargos por importe de máis de 10.000 euros “sen soporte documental algún”, ademais de pagos e cobranzas en man “que non contan cos xustificantes correspondentes aos gastos rexistrados por duplicado”.

O alcalde de Xermade nega ditas acusacións e asegura que non se cometeu “ningunha irregularidade” na xestión da entidade, senón que esta sempre se levou a cabo “coa máxima transparencia”.

Etiquetas