Os investimentos seguirán impulsando o polo aeroespacial

Nos orzamentos de 2020 vaise destinar unha partida de 15,4 millóns de euros para o Polo aeroespacial de Galicia para seguir impulsando o desenvolvemento do sector aeronáutico na Comunidade.

Este investimento é unha oportunidade para seguir apoiando proxectos de I+D+i que as multinacionais están realizando en Rozas en colaboración con máis de 30 pemes, universidades e centros de coñecemento galegos.

Deste xeito, os orzamentos do vindeiro ano apostan tanto pola innovación como pola formación co obxectivo de crear emprego e contar cun tecido empresarial máis diversificado e competitivo.

Neste sentido o Polo aeroespacial de Galicia, que conta coa colaboración de tres socios de referencia internacional como son Indra, Babcock e Boeing, permite a Galicia desenvolver unha iniciativa innovadora coa que gañar en diferenciación. Así, esta industria permite abrir novos mercados nacionais e internacionais, mellorar a competitividade do tecido empresarial galego e xerar crecemento económico facilitando sinerxías e novas capacidades industriais.

Segundo se prevé, o Polo aeroespacial mobilizará 164 millóns de euros grazas a actuacións que se están desenvolvendo como os seis proxectos da primeira convocatoria da aceleradora BFAero, que xa ten aberto o prazo para a segunda edición; ou a construción do polígono industrial de Rozas. Dúas iniciativas que axudarán a impulsar o emprendemento innovador no sector aeronáutico galego.

Etiquetas