As Pontes inicia o xoves o programa deste mes contra a violencia de xénero

O Concello das Pontes deseñou unha programación, composta por máis de 12 actividades, para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, data que se celebra o próximo 25 de novembro.

A programación, en palabras da concelleira responsable da área de Igualdade, Tania Pardo, ten como obxectivo esencial “informar, formar, educar, sensibilizar sobre a violencia de xénero e axuntar esforzos para visibilizar, previr e loitar cun dos maiores problemas aos que se enfrontan as mulleres, polo simple feito de selo, e a sociedade no seu conxunto”.

As actividades, que arrincarán o día 7 de novembro e finalizarán o 4 de decembro, comezarán cunha xornada, dirixida a empresas, sobre como prever e actuar fronte o acoso sexual na empresa. Esta charla, organizada por Seitura 22, en colaboración co Concello das Pontes contará coa intervención de Margarita Corral, secretaria confederal das mulleres da Confederación Intersindical Galega) e Marta Hermida, subdirectora de Recursos Humanos de Servizo Móvil.

Ese mesmo día, ás 18:00 horas, na asociación de veciños de Ribadeume desenvolverase o taller “ Dalle a volta” no que, a través de xogos e dinámicas participativas, partindo dos saberes e experiencias da veciñanza, traballarase en conceptos como os malos tratos e a súa expresión na sociedade.

Durante a seguinte semana, os días 11 e 13 de novembro, o auditorio municipal Cine Alovi albergará dúas obras teatrais dirixidas ao alumnado de primaria e secundaria dos centros educativos do municipio, actividade promovida desde a Coordinadora de ANPAS Abrente.

O luns o alumnado do IES Moncho Valcarce e Castro da Uz asistirán á representación da obra “Elisa e Marcela” e o mércores será a quenda para os alumnos e alumnas de primaria de Santa María, A Magdalena e A Fraga que acudirán a ver a obra “Iriña Bailarina”.

O xoves, 14 de novembro, a biblioteca municipal acollerá o contacontos “Non máis princesas” dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 10 anos, un espectáculo cheo de heroínas que rompen cos estereotipos de xénero.

Esa mesma tarde, a asociación de veciños de Pontoibo albergará, a partir das 18:00 horas, o taller “Dalle a volta”.

Xa o día 25 de novembro, no salón de actos da Casa Dopeso, estrearase a curtametraxe “Nunca Máis” baseada no guión do alumnado do IES Moncho Valcarce, gañador do V Concurso de Guións contra a violencia de xénero da Deputación da Coruña. Tras a proxección da peza audiovisual o público poderá compartir as súas impresións co equipo técnico e artístico.

O día 26, ás 17:00 horas, a Casa Dopeso  acollerá o taller, “As violencias machistas, unha linguaxe excluínte”. Unha actividade que forma parte do programa “Machismos sen miopías” posto en marcha pola Deputación da Coruña para promover a sensibilización contra a violencia de xénero, poñendo o acento na importancia da erradicación das violencias menos visibles. Esta actividade volverá ao mesmo escenario, no mesmo horario, o día 4 de decembro.

Os días 27 e 28 de novembro, as actividades trasladaranse ata a biblioteca municipal coa proxección, o mércores, ás 10:30 horas, da curtametraxe “O túnel” dentro do obradoiro “Relendo a vida” e, o xoves, ás 18:00 horas, co obradoiro de ilustración  “As superheroínas no noso pobo”, dirixido por Estefanía Padullés, no que os participantes debuxarán ás mulleres, aos seus ollos, máis representativas do pobo.

O venres 29 de novembro, o alumnado de 5º e 6º de primaria serán os protagonistas das actividades ao redor da conmemoración do día internacional contra a violencia de xénero, a través dunha xornada de convivencia intercentros ao amparo do programa de coeducación “Contamos igual”, subvencionado a través do Fondo Social Europeo, do Pacto de Estado contra a violencia de xénero e da Secretaría Xeral de Igualdade, que ten como obxectivos prioritarios sensibilizar, informar e difundir valores sobre a igualdade e previr a violencia contra as mulleres.

Durante este festival farase entrega dos premios dun concurso fotográfico, incluído non programa coeducativo, a través do que o alumnado tivo que amosar e poñer en valor os avances en igualdade e visibilizar a discriminación social por razón de xénero.

Tamén se fará entrega dos galardóns dun concurso musical no que o alumnado elaborou unha nova letra, en galego, para unha canción de éxito, libre de ideas machistas, roles e estereotipos tradicionais sobre a muller e o home.

Ademais, os días 12 e 13 de novembro, As Pontes acollerá un curso sobre primeira intervención policial en violencia de xénero dirixido á policía local e ao persoal do Concello  que realiza funcións nesta área.

A concelleira de Igualdade quixo lembrar que “esta ampla programación completa as múltiples actividades que o Concello das Pontes pon en marcha, ao longo de todo o ano, non só desde o departamento de Benestar Social senón a través doutras áreas como a de Educación, Mocidade ou Cultura, en materia de igualdade nas que a sensibilización contra a violencia de xénero e o desenvolvemento dunha sociedade máis igualitaria teñen un papel protagonista”.

Etiquetas