Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

SLG advirte que a Xunta quere rematar coas axudas agroambientais

Por 5 Novembro, 2019Sin comentarios

O Sindicato Labrego Galego denuncia que Medio Rural ten intención de rematar coas axudas agroambientais, das que se están a beneficiar ao redor de 4.000 granxas na Galiza, principalmente en Lugo e na montaña de Ourense.

Dende esta organización agraria afirman coñecer esta nova a través de fontes da propia Consellaría, onde argumentan que “non hai unha demanda do sector para seguir apoiando unha liña de subvencións que supoñen un pulo importante para a economía das granxas que practican modelos mais sustentables de produción, vinculados ao territorio, especialmente das granxas de vacún de carne, dados os baixos prezos que perciben polas súas producións”.

O Sindicato Labrego Galego, a través da súa secretaria xeral, Isabel Vilalba Seivane, xa solicitara na última sesión do Consello Agrario Galego, que a Consellaría de Medio Rural crease unha liña orzamentaria para prorrogar estas axudas. O motivo da petición viña dado porque, na conxuntura actual, na que se está preparando unha reforma da Política Agraria Común (PAC) e os orzamentos comunitarios para agricultura están temporalmente conxelados, “faise necesario que sexa a propia Consellaría de Medio Rural a que adiante os cartos das axudas agroambientais para 2020 e 2021 de cara a garantir a súa continuidade”. En Castela e León, por exemplo, crearon unha partida extraordinaria de 56 millóns de euros para facelo. “Porén, semella que o departamento que dirixe José González quere suprimir directamente estas subvencións coa escusa de que o sector non demandou a súa continuidade, o cal é falso se atendemos as demandas do propio Sindicato Labrego Galego no Consello Agrario”, subliñan.

Afirman tamén que Medio Rural, cun orzamento de case 514 millóns de euros, só executou 398 millóns. En total, deixou de gastar 116 millóns. “No caso de organismos dependentes desta área, como a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), a xestión é de escándalo: só executou o 51% dos 22 millóns que debía xestionar, deixando sen gastar 10 millóns de euros”, explican. Por funcións, as contas xerais da Xunta indican que, dos 146 millóns de euros previstos para “actuacións e valoración do medio rural”, quedaron sen gastar 30 millóns; e que en “dinamización económica do medio rural”, quedaron sen executar 75 millóns dos 325 orzamentados.

“Con este nivel de incompetencia non son de estrañar feitos evidentes como o desmantelamento das oficinas agrarias comarcais. Tamén podería explicar prácticas administrativas que, aínda que legais, son eticamente reprobables. Un bo exemplo é que, nos últimos tempos, e sen aviso previo, a Consellaría de Medio Rural deixou de enviar notificacións ás persoas que solicitan axudas para que corrixan erros nas solicitudes ou acheguen documentos que faltan. Isto fixo que a moitas granxas se lles denegasen subvencións ao non recorrer en prazo. Semella que, a partir de agora, para saber se tes que recorrer unha resolución referente a unha axuda terás que ler todos os días o Diario Oficial de Galicia, xa que agora mesmo é o único medio de notificación (até agora, o normal era recibir un requerimento por correo certificado, comezando a contar o prazo de reclamación dende a data de recepción da carta)”, explican.

Aseguran que outro exemplo deste tipo de prácticas dirixidas a obstaculizar o acceso a subvencións é a imposición nas bases das axudas de prazos imposibles de cumprir para presentar a licenza municipal dos proxectos subvencionados. “Con prácticas administrativas como as devanditas, Medio Rural pode aforrar uns cantos miles de euros a costa dos labregos e das labregas denegándolles subvencións por fallos formais perfectamente corrixibles”, din.