Skip to main content
ActualidadeGuitiriz

Levántase a prohibición de consumo de auga da traída en Guitiriz

Por 15 Novembro, 2019Sin comentarios

A alcaldesa do Concello de Guitiriz, Marisol Morandeira, anunciou hoxe que a última analítica recibida indica que a auga do núcleo urbano de Guitiriz volve a ser potable, polo que se restablece o consumo normal de auga da traída.

A análise levada a cabo onte, xoves 14 de novembro, polo laboratorio contratado polo Concello reflicte unha baixada moi importante na concentración de ferro na auga, alcanzando uns parámetros de 383 µ g/ l cando os niveis permitidos pola Consellería de Sanidade para o seu consumo están entre 0 e 600 µ g/ l.

Marisol Morandeira explicou que o motivo deste baixada débese a “unha suma de factores” como son “a modificación dos filtros de ferro xa instalados para que funcionasen máis veces, o lavado tanto destes filtros como dos normais e a abundante choiva caída nestas últimas semanas que fixo que suba o nivel de auga do pantano, baixando así a concentración de ferro”.

A rexedora tamén anunciou a intención do goberno local de estudar “a viabilidade de levar a cabo un proxecto de modernización da estación potabilizadora, automatizando a fase de tratamento da auga” xa que actualmente é manual e esixe un control continuo.

O Concello continúa a facer todo o posible para darlle unha solución definitiva ao problema. Recentemente finalizou a construción do bypass para que a auga non pase polo pantano, que pronto entrará en funcionamento e que se espera que contribúa “a eliminar dunha vez por todas este recorrente problema e poder ofrecer así aos veciños e veciñas de Guitiriz un servizo de auga de calidade durante todo o ano”, desexou a alcaldesa.

Por último, Marisol Morandeira lembrou que “os veciños e veciñas afectados pola prohibición do consumo da auga recibirán os descontos pertinentes na factura, para o que se indicará proximamente o procedemento correcto para xestionalo”.