A Deputación impulsa unha nova edición dos Premios Son Muller

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, a Concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, a presidenta da Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo (AELU), Beatriz Varela Regueira, e o director territorial de Abanca en Lugo, Javier Soto, participaron este mércores na presentación da II Edición dos Premios Son Muller, organizados por AELU e que conta coa colaboración da Deputación e do Concello de Lugo.  

Rivera Capón sinalou que “dende a Deputación colaboramos con este tipo de iniciativas porque contribúen a visibilizar, poñer en valor e promocionar o traballo das mulleres como piar económico da nosa provincia”. A Deputación colabora con estes premios cunha achega económica de 3.500€ e cun vídeo promocional elaborado polo departamento de Servizos Audiovisuais. 

As empresarias e emprendedoras lucenses interesadas en participar nos Premios Son Muller poden inscribirse ata o día 8 de decembro. As bases e a información sobre o certame atópanse en www.empresariaslugo.org ou no 982 226 991. Estes premios están destinados a emprendedoras e empresarias lucenses, que teñan o seu domicilio social e fiscal como empresa na provincia, que estean dadas de alta como autónomas ou sexan parte dunha sociedade empresarial, así como que cumpran coas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

Os Premios Son Muller contan con 3 categorías Son Emprendedora, cun proxecto empresarial cuxa actividade económica leve en marcha un período máximo de 42 meses; Son Empresaria que ten que será á empresaria destacada no ano 2019 da provincia de Lugo, con actividade dendecomo mínimo 42 meses e un día e Son Empresaria Rural á promotora de proxectos orixinais e innovadores de mulleres rurais, baseados en actividades agrarias complementarias, así como en actividades agroalimentarias, turísticas, industriais, ou que fomenten a diversificación da actividade económica e que promovan e impulsen o emprendemento das mulleres no territorio rural, así como actividades ou actuacións que recoñezan a súa labor no medio rural, da provincia de Lugo.

O certame contará cun xurado formado por representantes de AELU e personalidades de recoñecido prestixio, pertencentes a distintos ámbitos das administracións, empresas e sociedade lucense. O xurado será responsable de seleccionar as candidaturas gañadoras. Os premios son primeiro premio: dotación económica de 1.000 euros en cada categoría, máis un ano de cota gratuíta como asociada da Asociación de Mulleres Empresarias e un xogo de artesanía en cerámica, Matrioskiñas Galegas, elaborado por unha artesá lucense e deseñado especialmente para o premio. O segundo premio un ano de cota gratuíta como asociada da Asociación de Mulleres Empresarias e un xogo de artesanía en cerámica.

A entrega de premios ás gañadoras terá lugar nun acto previsto para o vindeiro 13 de decembro, ás 20:30 horas, no centro sociocultural O Vello Cárcere de Lugo. 

Etiquetas