Os cazadores e os membros do Servizo de Prevención contra Incendios realizarán xornadas preventivas

Os cazadores galegos e os membros do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais reforzarán a súa colaboración en materia de loita fronte o lume a través de diferentes xornadas preventivas conxuntas, que se desenvolverán ao longo do próximo inverno e a primavera de 2020.

Así o acordaron nunha xuntanza de traballo na que tamén participaron membros da directiva das entidades.

Estas actividades desenvolveranse sobre o terreo e, ademais de servir para mellorar a coordinación en tarefas de detección, vixilancia e disuasión, tamén facilitarán a  actuación directa do colectivo de cazadores colaborando en labores de silvicultura preventiva tales como a roza de pistas, a limpeza de terreos forestais ou a mellora de puntos de auga.

Así, a Federación comprometeuse a achegar antes de final de ano unha planificación coas zonas prioritarias nas que traballar, tendo en conta o profundo coñecemento dos montes que acreditan os cazadores, así como a súa capacidade de mobilización de persoas sobre o terreo, algo que os participantes nesta reunión de traballo quixeron destacar. Precisamente, o conselleiro apelou a esta circunstancia para  poñer en valor a súa achega nas tarefas de prevención e anticipación dos lumes.

A reunión serviu, polo tanto, para darlle un novo pulo ao convenio de colaboración asinado entre ambas partes e para avanzar na mellora dos protocolos de interlocución, que permiten aos cazadores cooperar en ámbitos como a detección dos lumes e o apoio aos servizos de extinción. 

Esta colaboración céntrase, por exemplo, en facilitarlles aos integrantes do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais información de utilidade sobre o territorio, referida a rutas, pistas ou accesos ao monte, que contribúen notoriamente a mellorar a eficacia e a capacidade de resposta dos profesionais.

Ademais, o obxectivo deste respaldo mutuo é continuar reforzando a coordinación tanto en materia de mantemento dos hábitats cinexéticos como de prevención e defensa fronte os incendios.

Etiquetas