Novo espectáculo musical para todos os públicos este sábado na Casa de Manuel María

O novo espectáculo da contadora Vero Rilo e da intérprete musical Sonsoles Penadique Historias con susto para durmir a gusto chega este sábado, ás 18 horas, á Casa-Museo Manuel María. A nova proposta, chea de humor e medo, vai dirixida para público familiar.

Trátase dun espectáculo que se desenvolve na escuridade e en que a compañía prepara o ambiente para ofrecer a súa peculiar ollada sobre as historias de sempre, fuxindo do politicamente correcto que non deixa de ver fantasmas onde non os hai.

Vero Rilo e Sonsoles Penedique, o amor pola literatura e a palabra dita co amor pola música e o universo da infancia, veñen colaborando, nos últimos anos, en distintos proxectos onde combinan a narración, o canto e a música de historias e contos dirixidos ás crianzas.

As entradas para público familiar e crianzas a partir de 5 anos, pódense reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal e o prezo de billete é de 2 euros.

Etiquetas