Endesa presenta o plan que pechará a central das Pontes no 2022

Endesa presentou xa a actualización do plan estratéxico e puxo data para a súa descarbonización. En 2022 a eléctrica eliminará o combustible fósil, un dos principais causantes do cambio climático, do seu mix enerxético. A compañía confirmaba así que acelera o peche das centrais térmicas de carbón das Pontes e Litoral (Almería) que xa ten paradas, pero para as que aínda non solicitou a clausura. Endesa non deixa opción deste xeito á substitución por biocombustibles, que estivo a probar nos últimos meses nas Pontes.

Tras case seis meses parada, en setembro, Endesa anunciaba que suspendía definitivamente a produción eléctrica na central das Pontes. Os elevados prezos do CO2, que debe de pagar para poder contaminar, disparáronse encarecendo os seus custos de produción. A central non era capaz de colocar a súa produción na poxa eléctrica e quedou fóra do mercado. Outras fontes como as renovables ou o gas cobren a demanda eléctrica e o carbón deixou de ser competitivo. O encarecemento do dióxido de carbono colleu á central en plena transformación para adaptarse ás novas normativas europeas de emisións doutros gases contaminantes, que teoricamente lle ían a permitir seguir funcionando ata 2035. Para iso estaba a realizar un investimento de 220 millóns de euros, que agora non servirá para nada.

Unha semana despois do anuncio da parada definitiva da produción, a eléctrica, os traballadores, o Concello e a Xunta eran convocados a unha reunión no Ministerio de Transición Ecolóxica. Alí, Endesa comprometeuse a estudar a posibilidade de substituír progresivamente o carbón por outros biocombustibles, como a biomasa forestal, os lodos de depuradora ou o orujillo da oliva. Desde o comité de empresa asegúrase que as probas demostraron que era tecnicamente posible. Pero Endesa non as considera economicamente viables. Os plans da compañía pasan por incrementar a produción eléctrica de fontes renovables como a eólica para compensar a potencia que tiñan instalada nas centrais de carbón. En Galicia poderían instalarse 1.500 novos megawatts.

As probas dos biocombustibles foron supervisadas por técnicos do Idae, dependente do Goberno central. Pero de momento, o Ministerio non volveu a convocar aos actores implicados a ningunha reunión para analizar o resultado.

Etiquetas