Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXAFriol TERRACHÁXA

Friol abre no seu polígono un centro de procesado de carne ecolóxica e unha ecotenda

Por 29 Novembro, 2019Sin comentarios

O polígono de Friol con dende hoxe cun centro con actividade industrial de procesado de carne ecolóxica, tanto de Ternera Gallega como de polo campeiro, e unha ecotenda con servizo de exposición e venda ao público de diferentes produtos alimentarios de orixe ecolóxico.

O delegado territorial da Administración autonómica en Lugo, José Manuel Balseiro, e o alcalde de Friol, José Ángel Santos -entre outras persoas-, participaron na inauguración das novas instalacións, promovidas pola sociedade Traloagro e destinadas á elaboración e transformación de produtos cárnicos procedentes da explotación gandeira da mesma empresa, maioritariamente gando vacún e avícola en produción ecolóxica.

A iniciativa conta co apoio da Xunta a través da Consellería do Medio Rural, que concede unha achega de arredor de 300.000 euros para a actividade industrial de procesado de carne; e tamén do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) da comarca de Lugo, a través dunha axuda de 160.800 euros xestionada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) para o proxecto de comercialización.

Na obra investíronse 1.5 millóns de euros para levartar este centro, situado na parcela 55 do polígono cunha superficie de 2.480 metros cuadrados. A nave construída pola empresa conta con dúas edificacións adosadas que suman unha superficie duns 1.300 metros cadrados. Na edificación principal están as instalacións industriais e o segundo volume acolle a ecotenda, na que ademais dos produtos elaborados por Traloagro se porán á venda outros alimentos diversos de orixe ecolóxico, dende marmeladas e conservas ata produtos frescos da horta e ovos.

As obras deste centro biocárnico tiveron o seu inicio no mes de xuño do pasado ano e son un proxecto innovador considerado o máis importante da provincia.

“Somos produtores de tenreira galega ecolóxica e decidimos crear esta nova vía de distribución xa que non existía ningunha”, afirma Isabel Belga, unha das socias do proxecto que aúna os esforzos de varios propietarios de explotacións de gando vacún.

Coa creación do centro biocárnico preténdese dar á poboación da comarca de Lugo unha serie de servizos complementarios. “O produto chegará ao consumidor sen ningún tipo de intermediarios”, explica Belga.

Balseiro salientou que proxectos como o promovido por esta empresa en Friol “permiten xerar valor engadido á produción primaria do noso agro, coa elaboración e comercialización de produtos listos para o consumo e co consecuente incremento de beneficios para os propios produtores”.

Segundo destacou, “estas iniciativas contribúen a apuntalar o tecido produtivo do sector primario e a crear riqueza e postos de traballo nos concellos da nosa provincia” e nese sentido, “amosan a liña pola que queremos transitar a favor dun rural con futuro”.

Por último, o delegado manifestou que “a Xunta ten a vontade de seguir traballando e apoiando iniciativas que servan para aumentar a competitividade das pequenas empresas asentadas no rural e, en particular, nun sector estratéxico como a industria agroalimentaria”.