Skip to main content
ActualidadeMeira

Alumnos do IES Pedregal de Irmia recibiron un premio no concurso Tíralle da Lingua

Por 2 Decembro, 2019Sin comentarios

Un grupo de rapaces do IES Pedregal de Irimia de Meira obtivo un segundo posto no XVIII Concurso de Relato Oral Tíralle da Lingua, organizado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), que tivo lugar no Pazo de Feiras e Congresos de Santiago de Compostela e ao que acudiron preto de 1000 rapazas e rapaces de centros educativos de toda Galicia.

Sendo a primeira vez que participaba, baixo a coordinación do Departamento de Galego e do Equipo de Dinamización da Lingua Galega, o IES Pedregal de Irimia acadou o 2º posto no nivel de 4º de ESO / BAC. O equipo estaba formado por Brais Marquez, Carlos Fernández González, Anton Chain Murado e David Costa.

Do mesmo centro tamén participaron Sergio e Diego de 2º de ESO e Maryam El Hidam de 4º de ESO.

Tíralle da lingua é un proxecto da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), dirixido ao alumnado e profesorado, co obxectivo de incentivar e normalizar o uso oral da nosa lingua, converter o idioma en instrumento de comunicación normal, de creación e recreación de historias, en definitiva, de devolverlle ao galego o espazo que lle corresponde.

A alta participación dos centros, fixo desdobrar o concurso de forma simultánea por categorías. Ano tras ano, esta experiencia foise asentando nos centros de ensino, implicando ao profesorado cada vez máis, facendo unha fase previa nos centros para a selección de contadores e contadoras e historias que se presentaron en Compostela.