Skip to main content
Actualidade

O comité de crise das Pontes reúnese co presidente da Xunta

Por 3 Decembro, 2019Sin comentarios

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, o presidente da Xunta e o grupo de traballo local por unha transición xusta para a central térmica das Pontes acordaron que a semana que vén se celebrará un encontro no que Alberto Núñez Feijóo trasladará á ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, e a Endesa a posición común de Galicia, esixindo garantir a continuidade da actividade da planta das Pontes mentres se buscan solucións alternativas. Nesta reunión tamén estará o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso.

Trala xuntanza de onte, na que participaron representantes da Corporación municipal das Pontes, empresarios e sindicatos, Conde fixo fincapé en que a prioridade é que a central poida seguir funcionando e que se poidan identificar cales son as medidas que tanto a través do Goberno como de Endesa poden garantir a reactivación da central, necesaria para poder acceder ás axudas para unha transición enerxética xusta que Europa impulsará a partir de 2021. En paralelo, subliñou Conde, cómpre identificar alternativas de cara a futuro. “Temos unha posición clara: a central non pode pechar, ten que continuar coa súa actividade, e dar unha resposta a 700 familias que dependen os seus postos de traballo desta decisión”.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria incidiu en que “hai argumentos claros para trasladar ao Goberno desde o punto de vista da subministración, da garantía do emprego e da necesidade dunha transición xusta nas Pontes”. Así, Conde resaltou que estes argumentos serán trasladados ao Goberno “para que poida tomar decisións na mesma medida que se están tomando no resto de Europa”.

Así, Francisco Conde lembrou que o resto de países europeos están mantendo a actividade das súas centrais, sinalando que España, nun proceso de transición xusta, “ten que homologarse ao resto de países e polo tanto saber que ningunha decisión pode ter un impacto negativo no emprego, e que ningunha decisión pode pechar oportunidades a unha comarca e a unha Comunidade autónoma”.

Mentres sucedía esto continuaban as mobilizacións na rúa. Nesta ocasión os transportistas do carbón realizaron unha acción de protesta coa colocación de barricadas con neumáticos na glorieta situada nas inmediacións da entrada do porto interior de Ferrol, o que motivou o corte de tráfico na zona e retencións.

A protesta saldouse cun detido e cinco identificados.