Skip to main content
ActualidadeVilalba

O IES Lois Peña Novo acolleu unha charla sobre cambio climático

Por 5 Decembro, 2019Sin comentarios

O IES Lois Peña Novo celebr0u unha charla sobre o tema cambio climático a cargo de Rubén Varela, colaborador-investigador que forma parte do grupo de investigación sobre medio-ambiente e cambio climático, integrado no departamento de Física Aplicada do campus de Ourense, Universidade de Vigo, onde tamén se imparte o grao en Ciencias Ambientais.

O relator explicou claramente ao alumnado asistente as causas naturais e humanas deste fenómeno, a súa evolución ao longo da historia do planeta, o seu estado actual e, finalmente, as principais formas de mitigación e adaptación dos humanos a este efecto.

Tamén comentou os principais resultados que leva a cabo o seu grupo de investigación, no que se refire ás medicións que detectan un incremento da temperatura das augas de superficie en mares e océanos e a súa correlación temporal cos niveis tamén crecentes de dióxido de carbono e outros gases de efecto invernadoiro.

Durante o transcurso da charla, que certamente estivo moi animada, e tamén ao final da mesma, os alumnos plantexaron ao relator varias preguntas de gran interese colectivo. Tamén se deron conta dalgúns datos sorprendentes derivados do resultado das investigacións científicas recentes sobre este tema e, sobre todo, concienciáronse de que pequenas accións individuais ou colectivas, tamén poden contribuír como pequenos grans de area a paliar este fenómeno. Por suposto, á luz dos datos científicos medidos e das observacións e evidencias dos últimos anos (ondas de calor, choivas torrenciais, inundacións) tamén foron conscientes de que a verdadeira solución a este problema a escala terrestre soamente pode vir da man da acción conxunta dos gobernos de tódalas nacións e, principalmente, daquelas que pola súa actividade industrial contribúen en maior medida á xeración de gases de efecto invernadoiro.