Skip to main content
ActualidadeCospeito

Alvarellos edita os poemarios gañadores da primeira edición do certame Torre de Caldaloba

Por 6 Decembro, 2019Sin comentarios

O Museo das Aves de Cospeito acolleu na tarde de onte a presentación do libro que recolle os poemarios gañadores na primeira edición do Certame Torre de Caldaloba. Trátase da obra Caldaloba en terras de Valverde, do cospeités Xesús Rábade Paredes; e Na pel das árbores do vento, do ourensán Paulino Peña.

Ao evento asistiron os autores e o director da editorial Alvarellos, Henrique Alvarellos, a cal se encargou de editar os libros. Presidiou o acto o alcalde local, Armando Castosa, acompañado do responsalbe de Culturalia GZ Martiño Maseda e da representante da asociación de veciños de Pino Inés Lozano, entidades convocantes do premio.

Nesta presentación, os asistentes volveron lembrar a esta torre, en estado de deterioro, que son un símbolo do pasado señorial de Cospeito. Tamén houbo palabras de loubanza para o traballo desenvolvido polo xurado e se lembraron as razóns pola que foron escollidas estas obras. Da peza gañadora recoñeceron “a súa imaxinación e contido histórico e antropolóxico, así como o xeito de crear un corpus poético onde pasado e presente conflúen en torno ao símbolo que representa a Torre de Caldaloba”.

O xurado valorou no segundo premio “a súa evocación dos sentidos, cun axeitado uso da retórica e da voz poética en forma de versos como trallazos que obrigan a pensar e deixan un suave pouso de recordo”.

Os que xa se coñecen tamén son os gañadores da segunda edición, o escritor Xurxo Alonso, de Vilagarcía de Arousa, co poemario Hora de penumbra na categoría de maiores de 18 anos, e a pontevedresa Mariña Maceira Segovia, coa obra Unha fraga de laios, na de menores de 18.

O xurado do concurso nesta edición estivo integrado por Martiño Maseda, Ana Mar Fraga, Montserrat González, Xosé Otero Canto e Armando Requeixo. Sobre o poemario gañador destacaron “a solidez da arquitectura versal, as poderosas imaxes e símbolos que deitan os poemas e a forza simbólica empregada no discurso”, que lle suporá ao autor os 1.500 euros do premio.

Pola súa banda, sobre o poema de Mariña Maceira destacaron a “delicada inxeleza e o realismo e a emotividade, xunto coa súa chamada ao espertar das conciencias”. A gañadora, de 14 anos recibirá de premio un lote de libros e unha tablet.

O segundo premio na categoría de adultos recaeu en De casa queimada, de Iria Collazo (Moaña), e en menores de 18 anos foi para E sigo pensando en ti, da monfortina Sandra Rodríguez.

A organización lembrou que nesta segunda convocatoria concorreron máis de 30 orixinais, e adiantaron que os premios se entregarán o 14 de decembro no local social de Pino.