O PP de Xermade volverá reclamar bonificacións no IBI para as edificacións de uso agrogandeiro

O Grupo Municipal do PP de Xermade leva a pleno, unha vez máis, a elaboración e aprobación dunha modificación da ordenanza municipal do Imposto de Bens Inmobles (IBI) que recolla a bonificación na cota íntegra deste tributo ás edificacións de uso agrogandeiro e do sector primario en solo rústico. Con esta proposta que defenden os populares aseguran que “se unificarían os criterios de bonificación” co obxectivo de que “os titulares de edificacións en solo rústico teñan os mesmos beneficios e tratamento que aquelas instaladas no solo clasificado como núcleo rural”.

O voceiro dos populares, Antonio Riveira, recorda que “xa foi aprobada por unanimidade na sesión ordinaria do 14 de abril de 2016 unha moción do Partido Popular que recollía este mesmo acordo” despois de que os veciños do Concello de Xermade recibiran a comunicación dun procedemento de regularización catastral que procedía a dar de alta todo tipo de edificacións que non constaban nesa situación, entre elas as de uso agrario.

Dende aquela, sinala o popular que “pasaron máis de 3 anos e medio e o Goberno local do PSOE non tomou ningunha medida a este respecto: nin levar a pleno ningunha ordenanza que recollera o aprobado no pleno nin aplicar calquera outra medida en beneficios dos veciños e veciñas que son titulares destas edificacións das súas explotacións agrogandeiras”.

Riveira critica a “inacción do goberno do PSOE” mentres “as explotación gandeiras teñen que facer fronte a recibos de IBI desproporcionados –sobre todo ás explotacións situadas en núcleo rural- e regularizacións de anos anteriores de importantes cantidades económicas”.

Por este motivo, os populares presentaban outra moción o pasado 18 de outubro sobre a bonificación do IBI; pero “coa desculpa de que non que non foi presentada con suficiente tempo de antelación para analizala, foi tratada como un rogo que non se atendeu”, sinala o voceiro popular. “É por iso polo que volvemos a levar esta moción tamén ao pleno do vindeiro xoves 12 de decembro”.

Riveira recorda que “o anterior goberno do Partido Popular no Concello de Xermade axustara en gran medida o incremento do recibo do IBI derivado da regularización catastral do 2006 que afectou ás edificacións e ao solo de núcleo rural cunha ordenanza de bonificación para o solo de núcleo rural e as edificacións en xeral, inicialmente, e en segundo termo as agrogandeiras a requirimento da Deputación Provincial de Lugo”.

Para o voceiro do PP xermadés “parece lóxico que as edificacións situadas en solo rústico teñan as mesmas ou similares bonificacións que as de núcleo rural, por non estar máis favorecidas que aquelas, tanto en comunicacións, como en outro tipo de servizos. En caso contrario, que é o que está ocorrendo agora mesmo, unha edificación agrícola situada en solo rústico paga cinco veces máis que unha situada en núcleo rural”, lamenta.

Ademais, indica que “esa bonificación debería recoller outros tipos de edificacións e instalacións situadas no termo municipal de Xermade como é o caso das instalacións deportivas e, máis concretamente, as que pertencen a sociedades deportivo-culturais sen ánimo de lucro e que, polo tanto, non teñen actividades económicas para tales gastos”, defende Riveira.

O Grupo Municipal do PP leva novamente a pleno esta cuestión despois de ter preguntado nos últimos anos pola ordenanza e os seus efectos. Os populares preguntaron no pleno do 7 de decembro de 2016 pola xustificación para non facer a ordenanza que se acordara por unanimidade en abril e poder aplicala para o ano 2017. “Tanto o alcalde coma o concelleiro de urbanismo responderon que non, tal e como consta en acta”, manifesta Riveira.

Un ano máis tarde, no pleno do 14 de decembro de 2017 os populares interesáronse de novo pola inacción en tal tramitación, o coste que supoñía e as actuacións previstas. “A isto o señor alcalde respondeu que como se está coa tramitación do PXOM vanse a reducir os núcleos. Non sabemos a contía, verase cando se aprobe a ordenanza. E a bonificación haberá que estudiala”, recorda o popular.

Os populares tamén se interesaron por esta cuestión ao ano seguinte e no pleno do 18 de outubro de 2018 preguntaron polas actuacións previstas nese sentido ante o que o rexedor socialista respondeu que “aínda non se aprobou o PXOM e, polo tanto, descoñecemos como van a quedar os núcleos. Debido aos cambios de secretaria municipal non puido facerse un estudio económico do impacto que tería a imposición desta bonificación, pero agora vaise facer”, explica Riveira preocupado pola tardanza.

Etiquetas