Aprobados os orzamentos de Begonte por preto de 3 millóns de euros

O Concello de Begonte ten xa aparobado o orzamento para o próximo ano 2020, que ascende a un total de 2.996.042 euros. O goberno local do PP, que preside o alcalde, José Ulla, referendou en solitario as contas, algo inferiores ás do ano pasado, pola baixada das transferencias correntes —había axudas para o taller de emprego e para a praza Irmáns Souto Montenegro—.

Nesta orzamentos destaca unha das partidas máis importantes, de 552.000 euros, que se destinará a de servizos sociais cunha suba de 200.000 euros neste exercicio. Afirmou que se trata dun “esforzo inversor” mentres que o PSOE xustificou o seu voto en contra na suba de impostos que experimentarán os veciños. Avanzou o alcalde que en 2020 sairá a concurso o Servizo de Axuda no Fogar, xa reflectida a suba do prezo ao que se pagan as horas do persoal. Engadiu tamén o alcalde que nin a Xunta nin o Estado están a cumplir co 5% que deberían aportar no relativo ao paio á dependencia polo “que ten que ser o Concello o que aumente o seu orzamento para esta cuestión”.

Sobre os gastos, Ulla lembrou que a partida de persoal supón só o 19,85% do orzamento, posto que no cadro de persoal municipal só figuran unha decena de traballadores, máis alá dos contratos temporais que se asinan grazas a programas e achegas doutras administracións, unha medida “que axuda a reducir o gasto corrente e fomenta o investimento”.

O capítulo de investimentos ascende a 501.353 euros, cos que se custearán obras de acondicionamento en centros culturais (15.000 euros) e educativos (5.000 euros), a mellora de espazos públicos (40.000 euros), o construción dunha nova cuberta e reparación da fonte de San Benito en Baldomar (16.500 euros), unha subvención para a capela de Damil (6.000 euros), a reparación de vías municipais (254.000 euros) e unha nova partida que se destinará a finalizar as obras de remodelación da praza de Baamonde (48.000 euros).

Ulla detallou que o Concello achega 37.000 euros para o centro de día, 20.000 euros para a escola de música, compartida con Rábade e Outeiro de Rei, e 45.000 euros para a asociación As Canicas, que xestiona as escolas deportivas municipais. O pleno tamén aprobou por uninimidade a adhesión de Begonte ao pacto dos alcaldes polo clima, adquirindo o compromiso de reducir un 40% as emisións de dióxido de carbono para 2030.

 

Etiquetas